Carreira de fondo

María José Rego PRESIDENTA DA ASOCIACIÓN ANEDIA

BARBANZA

04 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O concepto de paciente está sufrindo moitos cambios, e xa non falamos de diabético senón de persoa que vive con diabetes. Os nenos que sofren esta enfermidade buscan alcanzar as mesmas metas ca o resto, e xa teñen exemplos para soñar: futbolistas como Nacho do Real Madrid ou Borja Mayoral; Silvia Serrat no baloncesto; montañeiros como Susana Ruiz; atletas como Sergio Jornet e Vicente Guardiola; pilotos como Killian Meyer, ou ciclistas profesionais como o galego Brais Dacal. Pero tamén hai bombeiros, pilotos de avión ou policías.

A diabetes tipo 1 é unha enfermidade crónica que non admite descansos, e que che obriga a tomar continuamente decisións baseadas no tratamento (insulinas), alimentación (contar hidratos) e actividade física. Agora temos a axuda da tecnoloxía: a monitorización permítenos ver en directo a nosa curva de glicosa, así coma novas bombas de insulina que son capaces de parar o subministro para evitar as temidas hipoglicemias e incluso as hiperglicemias. Sen embargo, estas novas ferramentas están chegando moi lentamente ao sistema sanitario, e moitas veces os profesionais acceden a elas nas consultas da man dos pacientes.

Houbo moitos pasos importantes no último ano, pero aínda falta moito. O principal para non errar no camiño é ter en conta que todos os pacientes son persoas individuais cunha vida propia e, polo tanto, con necesidades distintas e non só clasificables pola súa idade, senón polas súas condicións físicas e de vida, como pode ser o seu traballo, que busque un embarazo ou que faga deporte de alto nivel, e dentro das posibilidades limitadas do propio sistema teremos que ter alternativas que se adapten ao enfermo e non ao revés.

O novo modelo de paciente con diabetes tipo 1 busca no sistema sanitario información e axuda para vivir en maiúsculas, os pacientes estamos facendo equipo e precisamos «adestradores» para esta longa carreira de fondo. Necesitamos formación, información e recursos tecnolóxicos pero, sobre todo, equipos de profesionais onde a maiores de endócrinos, pediatras e persoal de enfermería, deberían integrarse especialistas en psicoloxía, nutrición, oftalmoloxía e podoloxía.