Decora: «Escribir axúdame a entenderme»

laura veiga / A. L. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Dará un concerto e presentará a súa primeira maqueta o 9 de agosto en Corrubedo

31 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha artista que chama a atención, tanto por ser unha muller nun mundo tan masculinizado como por estar a piques de sacar a súa primeira maqueta sendo tan nova. Alexa Fernández Pego, máis coñecida como Decora, é unha rapeira de 16 anos nada en Santiago, pero que pasa os seus veráns en Corrubedo, onde se coñeceron e namoraron os seus pais.

«Empecei a facer poesía cando tiña 13 anos. Quería entender o que pasaba pola miña cabeza, sabía o que quería dicir, pero non sabía como dicilo. Escribir axudábame a entenderme. Cando comecei a escoitar rap, a miña poesía derivou en música», lembra a artista sobre os seus inicios. Tamén confesa que «non coñecía este xénero musical, mais unha vez que o comecei a escoitar souben que era o meu estilo».

Nas súas cancións, a moza fala habitualmente dos debates entre a mente e os sentimentos, de aí o seu nome: De corazón. «A inspiración para escribir sácoa do meu día a día, das cousas que me afectan a min ou que lle pasan á miña familia e amigos», di Decora. Por iso, todos os seus temas son moi persoais, aínda que algún máis ca outro: «Teño cancións que non lle ensinei a ninguén ou só a persoas de moitísima confianza, porque son cousas que non creo que deba saber calquera».

Un mundo masculinizado

Esta rapeira, que xa é consciente do masculinizado que está o mundo da música en xeral e o do rap en concreto, opina que é coma unha tradición que se asimilou, así porque nos inicios deste xénero musical o habitual era ver unicamente rapeiros: «Digamos que se formalizou máis que os rapaces foran os que rapearan e que as rapazas fixeran cancións máis melódicas, pero agora xa hai bastantes mulleres que se van animando nisto do rap. En Santiago, por exemplo, hai rapeiras moi boas e eu alégrome un montón de poder escoitalas».

Por sorte, aínda que si que viviu e é consciente da masculinización deste xénero musical, dende que comezou non tivo ningunha dificultade relacionada con isto. «Eu comecei a rapear cos meus amigos, non coas miñas amigas. E o certo é que precisamente por iso non tiven problemas, porque eran os meus coñecidos, entón respectáronme bastante», manifesta a artista.

Ademais, o feito de debutar na música sendo tan nova tampouco xogou no seu favor en moitas ocasións: «Neste aspecto tampouco tiven problemas, pero, por exemplo, con 14 anos moitas persoas non me tomaban en serio. De primeiras a xente alucinaba un pouco cando lles contaba o que facía, pero logo ensináballes algo do que escribira e xa pensaban que estaba ben que me interesara por algo como a música».

Esta artista, que tamén fai teatro e que vai comezar a cursar segundo de bacharelato de Artes Escénicas, aínda non ten claro o seu futuro en canto aos estudos: «Pensei en estudar algunha carreira como Filosofía ou Historia da Arte».

Non obstante, está máis segura do seu futuro na música: «Loxicamente, gustaríame que a xente coñecese o meu traballo, pero se non chega nada non é algo que me preocupe: isto é algo que fago por min».

O seu guía

Abdón Santos, o seu guía e quen a introduciu na música, explica que «cando ela comezou a escribir seus pais pedíronme consello. Escoitei un par de cancións dela e quixen conseguirlle concertos e que puidera sacar un disco». Agora, centrada no seu primeiro traballo, Decora explica que é «un proceso divertido, pero duro: ás veces non me sae escribir e outras veces escribo páxinas e páxinas, aínda que tamén logo hai cousas que poño e que non me gustan ou non me convencen».

Aínda que xa cantou nun bar en Santiago, a artista móstrase nerviosa polo seu primeiro concerto en Corrubedo, un lugar que ela considera «máis familiar» e «ao que asistirá máis xente» que ao que deu na capital.

Outros datos

Próximo concerto. Terá lugar o 9 de agosto en Corrubedo. Esperan que poidan presentar o seu primeiro traballo e ter copias físicas desta maqueta de seis temas.

Que escoita? Extremoduro e Estopa, pero sobre todo «encérrase bastante no mundo do rap».

Instagram. @decoraflow