Xosé Ricardo Losada: O rianxeiro que converteu a filosofía nunha arte

O mestre de instituto vén de gañar o Premio Viadutos de Novela coa súa obra «A casa xunto ao volcán»

M. x. b.
Ribeira / la voz

Unha necesidade interior. Así é como Xosé Ricardo Losada define a escritura, algo que lle nace de dentro, e é por iso que nunca a podería xustificar sen referirse a ela coma unha paixón. O que o arrastrou cara a literatura foi o seu costume de ler: «Unha vez que afondas nas letras, necesitas expresar os teus pensamentos e as túas historias». O seu tardío desenvolvemento literario debeuse a isto, pois ata que tivo unha extensa base de inspiración nas súas costas, non se sentiu o suficiente cómodo para comezar a escribir.

Aquilo que plasma no papel é a esencia das súas vivencias: «Para min, todo o que redacto está baseado nas miñas experiencias persoais. Esta obra é, obviamente, unha ficción, unha narración moi transformada e modificada, pero que conta con restos autobiográficos. Non é que A casa xunto ao volcán fale de min nin da miña vida, pero si que fai referencia a situacións semellantes».

A súa docencia

«Sempre quixen trasladar estes episodios vividos na aula a unha narración». Así xustifica a súa docencia como a inspiración principal do argumento da obra gañadora do concurso Viadutos de Novela. A historia presenta a relación coa filosofía dunha estudante de segundo de bacharelato, quen afogada polas súas circunstancias vitais, se protexe nos escritos de diferentes pensadores.

Durante os seus anos como profesor, comprobou como certos alumnos forxaron relacións moi estreitas coa metafísica: «A novela está baseada na miña experiencia como mestre, xa que sempre me chamou a atención o entusiasmo que mostraban parte dos meus estudantes cando lles explicaba os pensamentos de Nietzsche».

Para Ricardo Losada, a filosofía é o marco absoluto do seu traballo, polo que, mostrala nos seus escritos é algo primordial: «A implicación ideolóxica da obra é un intento de reivindicar o labor da filosofía, a cal está vivindo un momento moi difícil no ensino».

Un dos seus intereses esenciais ao sacala á luz foi achegar a ética á xente, sobre todo a aquela máis nova, que acotío e segundo a súa experiencia, tende a considerala máis unha inimiga ca unha axuda: «A finalidade é que os lectores, personificados na protagonista, cheguen a coñecerse máis a si mesmos, e que poidan coñecer o seu redor dunha forma distinta».

Un dos grandes retos que lle suscitou escribir A casa xunto ao volcán foi poñerse na pel da protagonista e descubrir o seu mundo interior: «As diferenzas de idade entre a protagonista, que é unha rapaza de 17, máis eu, un home de 50 anos, fixeron que a construción da obra fose un labor complexo». En cambio, para a súa sorpresa, o xurado estaba composto por cinco mulleres e foron elas quen apostaron polo autor dunha novela na que o personaxe principal era unha muller: «Este premio faime crer que a voz e o enfoque que lle din á protagonista si que é unha voz auténtica».

Referencias e inspiración

Cando se lle pregunta quen son as súas personaxes literarias favoritas, máis dunha ducia de autores roldan pola súa cabeza. Pois xustifica que, intentar cinguirse ao estilo específico de alguén non se corresponde coa súa idea de arte e orixinalidade: «Intento ler sempre e tamén pretendo que estas influencias rematen dalgunha forma no meu subconsciente, esperando que me acompañen dalgunha forma nos meus escritos sen que eu me decate».

O filósofo tamén é o autor das biografías dos rianxeiros Manuel Antonio e Faustino Rey Romero. Ricardo Losada aclara que sempre lle interesaron as vidas e os personaxes que se atopan detrás das personalidades coñecidas: «Cando te introduces no mundo interior doutras persoas, o que queres tamén é coñecerte a ti mesmo».

Mais, se tivese que dicir cal é a súa gran inspiración á hora de escribir, diría que é a súa vila. Esta é o berce de moitos autores esenciais nas letras galegas e por iso considera que certas referencias están moito máis presentes nel: «Cando un nace en Rianxo, vive en Rianxo e é un rianxeiro vocacional, hai referencias ineludibles que provocan un interese por publicar maior».

Nacer onde naceu e dedicarse ao que se dedica, pon en valor a súa relación coa literatura: «Escribir é un destino para certas persoas, non é algo que un escolle».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Xosé Ricardo Losada: O rianxeiro que converteu a filosofía nunha arte