Iria Varela: «O galego vai facer que os visitantes sintan que este lugar é diferente»

Defende a necesidade dunha boa planificación e de atraer un turismo de calidade


Carballo / LA VOZ

Iria Varela Parafita (A Coruña, 1985) forma parte da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia. Ademais de realizar o seu traballo como guía turística, participa en charlas e conferencias como vogal desta entidade. A súa última intervención, onte mesmo, foi no curso de verán Traballando en Lingua da Universidade da Coruña, celebrado no Fórum de Carballo, en torno a un eixo central: o uso e potencial do galego no sector turístico.

-Cal é a situación actual do turismo en Galicia?

-A verdade é que está aumentando. Galicia estase convertendo nun destino turístico bastante importante neste momento. Cada ano que pasa vén máis xente, xa sexa facendo o Camiño de Santiago ou visitando outros lugares. A verdade é que estamos nun momento bastante bo para o turismo en Galicia.

-Que é o que máis atrae aos turistas ao territorio galego?

-Case todos veñen ver Santiago, iso xa é coñecido. O Camiño estase convertendo nunha tendencia espectacular e cada ano que pasa vén máis xente. Pero tamén os turistas buscan cada vez máis os destinos pequenos. Queren pasar un tempo tranquilo; vir de escapada e desconexión. Galicia é un destino moi bo para este tipo de visitantes.

-É suficiente a promoción que se está a facer do turismo en Galicia ou faría falta máis?

-Eu creo que sempre fai falta máis. Pero creo que o máis importante é enfocar ben a promoción turística que se fai. Non é tan importante atraer á maior cantidade de turistas que se poida, senón atraer un turismo de calidade.

-A que nos referimos cando falamos de turismo de calidade?

-Referímonos a un turista que sexa responsable co destino que está a visitar, que sexa sensible coa realidade dese destino e, sobre todo, que faga unha inversión económica. Non nos serve de nada que veñan dúas mil persoas ao día se eses visitantes non fan gasto e non activan a economía. Son turistas, pero non viven do día a día do pobo. Entón, o que nos fai falta é xente que veña e participe na vida do lugar que está a visitar, e que participe tamén nos negocios e no que hai neses lugares. Iso é o turismo de calidade.

-Ata que punto é necesaria a inmersión dos turistas na cultura local?

-É moi importante que os turistas, cando veñen, saiban que aquí hai unha cultura e queiran coñecela. Non podemos adaptarnos nós ao turista, nin podemos cambiar toda a realidade dun destino para adaptarnos aos visitantes. O turista é o que ten que saber o que hai nun destino e o que ten que decidir ir a ese destino porque sabe o que hai alí e ten interese. Ten que ser consciente de que hai que facer unha inmersión nesa cultura.

- Nos últimos anos, como mencionaba, está aumentando o turismo en Galicia. Cales son as claves deste éxito?

-É un destino relativamente próximo que ten natureza, cultura, arte... Ofrece moitísimo ao visitante que quere vir ata aquí. Hai destinos para todos os gustos. Temos de todo.

-Ata que punto é importante o galego como clave diferencial na promoción turística?

-Hoxe en día, tendo en conta as novas tendencias, como é o turismo experiencial, que vai na busca da realidade cultural e de impregnarse nunha identidade, eu creo que o galego vai facer que os visitantes sintan que este lugar é diferente. O idioma ten un papel fundamental porque é o que vai facer que vexan que ese sitio é real e que é diferente do resto que están a visitar.

-Que se podería facer para aumentar esta promoción do galego no turismo?

-Sería importante ofertar visitas guiadas en galego, xa non só para a xente de fóra, senón tamén para os de aquí. Nós tamén somos turistas e gústanos ir coñecer outros lugares de Galicia. Tamén hai moitísimos centros de estudos lingüísticos que ofertan galego no estranxeiro, e creo que sería importante ofrecer turismo idiomático, que esta xente que está a aprender galego noutros lugares veña a Galicia a facer viaxes de inmersión lingüística. Debería ser tido en conta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Iria Varela: «O galego vai facer que os visitantes sintan que este lugar é diferente»