Amigos, curmáns e familia

La Voz BUZÓN DEL LECTOR

BARBANZA

27 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

B en certo é o que din de que España é o país máis forte da terra, xa que levan anos tentando destruírse e non o dan conseguido. Os galegos somos parte diso e como bos defensores do noso temos que seguir as directrices que nos marcan. En Barbanza temos os dous portos máis importantes de Europa para a descarga de túnidos conxelados. Estes portos, que deberían ser un orgullo patrio, están en serio perigo debido aos trafulleos daqueles que deberían velar porque isto seguise sendo así. Nun país marcado por una política baseada nos amigos, curmáns e demais familia comparándoo cunha necrolóxica, estamos preto de por data de finamento a un dos banzos que fan que a cadea de traballo na bisbarra siga funcionando axeitadamente. Un chanzo que os amigos, curmáns e demais familia están a piques de facer quebrar cun megaproxecto que favorece a unha pequena empresa con accionistas en moitos puntos da península e que foi quen de dominar o tráfico de contedores nos portos de Vigo e Marín.

Estes amigos, curmáns e demais familia pretenden privatizar dous portos autonómicos en favor dunha empresa sen mirar que poden deixar na rúa a preto de 600 persoas. Pretenden converter os portos de Ribeira e A Pobra nos chamados portos secos, que ven sendo o mesmo que un almacén ao aire libre. Eles están xuntos nun proxecto común, ou o que ven sendo o mesmo, un patrón elaborado e argallado finamente.

¿Pode ser casualidade que os posibles destinos destes buques que operan en Barbanza sexan os portos nos que houbo unha maior inversión nestes últimos anos? ¿Pode ser casualidade que os contedores sexan situados concretamente no punto estratéxico dos portos onde poden facer máis dano e dificulten as labores de estiba? ¿Pode ser casualidade que a Autoridade Portuaria de Vilagarcía, posible porto de destino dos buques, teña coma vocal ao propio presidente de Portos de Galicia? ¿Pode ser casualidade que o presidente do outro posible porto de destino, o de Marín, sexa o marido da que foi ministra de Fomento Ana Pastor?

Casualidade ou non, estes portos necesitan un fluxo de buques para facer rendibles as inversión e os únicos portos que reciben ese fluxo son os de Barbanza. Hai que parar esta desfeita, porque se non axiña veremos unha necrolóxica que poña: «Pregade a Deus polo eterno descanso dos portos da Pobra e de Ribeira. Tal día coma hoxe finaron na comarca despois de recibir unha coitelada de aqueles que tiñan que defendelos. Os amigos, curmáns e demais familia brindan con champaña a partida destes portos cara ao esquecemento». Rodrigo Fresco, traballador dos portos da Pobra e Ribeira