De Vacas, A Banda da Loba e Sés súmanse ao cartel da Dorna

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A festa e a súa ruta de tapas serán presentadas este venres no mercado La Galiciana

17 jun 2019 . Actualizado a las 09:23 h.

O cartel da Dorna segue a engordar. Na asemblea que a Real e Ilustre celebrou a noite do venres déronse a coñecer novos grupos que se suman ao festival Rock & Dorna. Trátase de Sés, A Banda da Loba, De Vacas e Never Loura. Tamén se anunciou que, como vén ocorrendo nas últimas edicións da festa, haberá concerto sobre unha batea de Coroso o día 24, coincidindo coa romaría que sempre ten lugar despois da regata de embarcacións.

Ao mesmo tempo, pecháronse outras citas do calendario dorneiro, coma o Maratasón Infantil, os Xojos de Mar e o Voo sen Motor, fixados para o luns 22; e o Maratasón, o Trinautlón e a final da Cansión de Tasca, que serán na xornada seguinte. Pendente de decidir quedou se se recupera o Juateque e cal sería a súa localización ou se, pola contra, se mantén o Dancing in the City das últimas edicións.

Na xuntanza tamén se analizaron as diferentes fontes de financiamento da festa, sendo as principais o Concello, a Deputación, os recursos da entidade, os grandes patrocinadores e o comercio e pequenas empresas. Púxose enriba da mesa unha nova redución dos ingresos procedentes da hostalería, sendo só dez os que apostan pola celebración.

A Real e Ilustre anunciou que este venres, ás 13.00 horas, presentaranse a Dorna e a ruta de tapas no mercado La Galiciana de Compostela, no marco dun acto institucional. Ademais, ás dez da noite dará comezo un concerto a cargo de músicos ribeirenses.