As redes telemáticas, os mitins e a ética

Ciprián Rivas VELAÍ

BARBANZA

13 jun 2019 . Actualizado a las 05:15 h.

Existen datas nas vidas das persoas e das sociedades para non esquecer nunca: o remate do bacharelato, o primeiro traballo, o nacemento dos fillos, a masacre de Tiananmen, a caída do muro de Berlín e con el a entrada na globalización, o invento da web, a fetua contra Salman Rushdie que o condenaba a morte. «Por primeira vez -salienta o xornalista Timothy Garten Ash-, unha condena a morte formulada en Teherán podería efectuarse en Londres e isto por dous fenómenos: a revolución nas comunicacións e a emigración masiva». Acontecía no 1989. Trinta anos atrás.

Dunha sociedade mecánica pasamos a unha dixital e nela estamos desenvolvéndonos sen moitas dificultades. Somos usuarios de Facebook, Twitter, WhatsApp e metemos dentro deles datos referidos ás nosas vidas, identificados como o ouro da nova economía. Parece ser que a información ofrecida polo Facebook, a súa rapidez, produce a sensación de estar conectados permanentemente. A influenza da rede no resultado dunhas eleccións compróbase co ascenso de Donald Trump ou no brexit.

Na actualidade, os políticos manteñen estrito seguimento sobre o que din, como e onde. Non vale o pretexto de estar en campaña electoral para dicir barbaridades, xa que logo as relacións entre os partidos e as persoas quedarán danadas irremediablemente.

Os actores da vida pública deberían e, máis si exercen como funcionarios na súa vida profesional, usar a elegancia para destacarse e non a estulticia para malferir. Aconteceu nas eleccións do 26M en Oleiros. Unha representante do novo PBBI relataba o seu aburrimento e cansazo por exercer como concelleira, tenente de alcalde, delegada de persoal e voceira do goberno do PP ata xaneiro do ano en curso, por non darlle resposta aos seus veciños no arranxo das pistas, do alumeado, sinalización e saneamento da parroquia poñendo toda a responsabilidade no alcalde que a nomeou, acusándoo de non permitir a discrepancia e de nepotismo ao darlle privilexios aos seus parentes e amigos, entre eles á «persoa máis próxima el» a quen reprocha solicitar vacacións cando non lle corresponden e tamén do seu cese como delegada de Persoal. Se isto é verdade, o actual alcalde en funcións ten un serio problema na súa casa e fóra, e debería arranxalo. Si a exconcelleira minte non debería recoller a súa nova acta por falta de ética para representar á súa veciñanza.

A mentira nunha campaña electoral levou a Boris Johnson, exministro de Exteriores de Inglaterra, fai dúas semanas a declarar nun xuízo por falsidade. O odio, persoal e político non debe ter representación na nova corporación. É de recoñecer o grande esforzo que debeu supor para alguén o compartir durante oito anos labores comúns de goberno desde o descontento e a desidia. Mais a política, realmente, non é isto. Isto é outra cousa que ten que ver coas fidelidades, non de quen che nomea, senón de quen che coloca nunhas listas electorais. Así o confesou. Uff, aí están as redes telemáticas, os mitins e tamén a ética!.