Muiñada e foliada para despedir o curso escolar en Baroña

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Os nenos do colexio Campanario celebraron un día de traballo e festa coma os que viviron os seus avós

05 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O coñecemento, a recuperación e a conservación do patrimonio etnográfico é o eixo arredor do que xira o proxecto do colexio sonense de Campanario para Voz Natura, o programa de educación ambiental da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, e no marco desta proposta desenvolveron unha actividade que, xa de paso, serviu de encontro interxeracional entre cativos, pais e avós. Veciños de Baroña abriron as portas da súa casa para que os escolares puideran vivir en primeira persoa unha auténtica muiñada coma as de antes.

Explica Marisa Aller, docente do colexio, que en todas as iniciativas que levan a cabo intentan implicar ás familias, e desta volta participaron de moi boa gana nunha actividade que acabou nunha gran foliada. Pero antes da comida e da música, os rapaces tiveron que traballar arreo. De feito, había tempo que comezaran a facelo xa que eles mesmos plantaran o millo que agora carrexaron desde o hórreo no que estaba almacenado para debullalo e escollelo.

Foi un traballo en equipo no que os maiores ensinaban aos rapaces como separar o gran do carozo e a seleccionar o cereal que finalmente acabou no muíño de auga, do que saíu transformado en fariña.

Ampla participación

Na actividade participaron moitos veciños, algúns pais e avós dos propios rapaces e outros que simplemente querían colaborar. De feito, a comunidade de montes de Baroña sumouse activamente á proposta para sacar adiante o proxecto escolar, de maneira que aos cativos non lles faltaron mestres que lles explicasen como se facían as cousas noutro tempo.

Así, puideron coñecer o mecanismo de funcionamento do muíño, como peneirar a fariña para que sexa o máis fina posible e como amasala con auga para facer a masa para a empanada. Tamén viron como as bolas recheas cocían no forno de pedra, outro importante elemento do patrimonio etnográfico tradicional, ata que finalmente puideron degustar o resultado de tanto traballo. Logo, comezou a festa, na que non faltaron a música, as cantigas populares e os bailes tradicionais, e unha das avoas que se sumou á muiñada incluso danzou co molete á cabeza como se facía antigamente.

Con esta actividade, o colexio de Baroña pon o punto e final este curso ao seu proxecto para Voz Natura, un programa que conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a Deputación, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces, así coma o apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica.