Ánxela Franco, afouteza ata o final

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Numerosas persoas tributaron na igrexa de Caamaño o último adeus á responsable da área de Benestar Social e Igualdade da Deputación e concelleira do BNG

04 jun 2019 . Actualizado a las 19:58 h.

Ánxela Franco era coma unha fervenza nun inverno chuvioso: vehemente, áxil e natural. E, ao igual que esa auga que se precipita seducindo as miradas, era clara e firme. Podía non gustar esa forma tan directa que tiña de dicir as cousas, as boas e as malas; podía cuestionarse o seu don da oportunidade; pero sobre a súa honestidade e franqueza non existen discrepancias. Levaba sempre consigo un sorriso e un saúdo efusivo, e xa podía ter milleiros de ocupacións que sempre tiña un oco para atender a quen a chamaba. Coa mesma determinación coa que os ríos buscan o mar, Ánxela Franco marcou o camiño dos seus obxectivos. Ela non sabía de metalinguaxe, nin de medias tintas, e tres cousas estaban claras: era unha muller de Caamaño, comprometida e nacionalista. Apegada aos veciños e á súa familia.

Traballadora incansable, amosou a súa afouteza ata o final, atendendo as obrigas do seu cargo de responsable da área de Benestar Social e Igualdade da Deputación e participando na campaña electoral cando xa sabía que a enfermidade invadira o seu corpo. Afirma a sonense Carmen Varela, amiga e compañeira de partido: «En ningún momento pensou que a doenza a ía apartar dos seus propósitos, porque estes eran a súa ilusión. Tiña moitos proxectos emprendidos e o que a motivaba era rematalos».

Compartindo actos políticos con ela, tanto nas xerais como nas municipais, estivo o boirense Xosé Deira: «Andamos predicando, como dicía ela». Verbas emocionadas xorden do voceiro ribeirense do BNG, Xosé Vázquez Cobas: «Sempre foi ela a que fixo algo por min. Eu sempre a pedir. Chamoume a finais da pasada semana para preguntarme que tal estaba e para darme ánimos. Sinto un gran baleiro».

Excepcional e irrepetible

Amigas e compañeiras de batallas políticas, a pobrense Rosana Pérez define a Ánxela Franco como unha persoa excepcional: «Se estabas deprimida ou baixa de moral só había que arrimarse a Ánxela para virse arriba. Nunca me dixo que non, sempre tiña dispoñibilidade».

Onte, na igrexa do seu Caamaño natal, representantes políticos e veciños tributaron o último adeus a unha muller de 57 anos que dende moi nova se implicou na vida da súa parroquia: «Sempre turraba do carro, ensinounos a tirar para diante», afirmaba Balbino González, a persoa que tomou o seu relevo á fronte da candidatura do BNG de Porto do Son nas locais.

Desolada por unha perda inesperada e prematura, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, definíaa onte como unha persoa irrepetible: «Tiña un gran corazón e sempre estaba preocupada polos demais».

Con Ánxela Franco compartiu responsabilidades de goberno en Porto do Son Xoán Pastor Rodríguez, tras unha moción de censura no 2009 que o converteu a el en rexedor e a ela en tenente de alcalde: «Foi unha etapa boa de traballo. Era unha muller cun gran temperamento, pero tamén moi sensible». Pola súa banda, o actual mandatario, Luis Oujo, comezou a tratar con Ánxela Franco primeiro como presidente da patronal e, despois, no eido político: «Loitamos xuntos polo polígono. Foi unha gran política, sempre traballou en defensa dos intereses dos veciños».

Da súa constancia e dedicación saben ben nos últimos catro anos na Deputación. O presidente en funcións, Valentín Formoso, afirma: «Ánxela cría na capacidade da política para transformar a vida das persoas, especialmente daquelas que máis o necesitan. Esta forma de ser e pensar deixou unha fonda pegada entre os colectivos sociais da provincia».

Con ela traballou estreitamente a vicepresidenta nacionalista do ente provincial, Goretti Sanmartín, que fala do xenio e bravura de Ánxela: «Non soportaba sentir que por onde ela pasou nada ou pouco mudara. Iso dáballe unha profunda forza interior, e tamén autenticidade. Era tremendamente intelixente e rápida. Sabía moi ben tomar o seu tempo para escoitar a persoas e colectivos que o precisaban e detestaba a conversa superflua e a perda de tempo cando tiñamos tanto por facer».