«Dende sempre estivemos ao lado dos gandeiros e imos seguir apostando por eles»

La Voz

BARBANZA

02 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante os últimos catro anos, e coincidindo coa desaparición das cotas lácteas, Mazaricos situouse como o primeiro concello lácteo de Galicia. Aínda que boa parte do que afecta directamente ao sector depende doutros organismos ou institucións, Blanco Riveiro sinala que o papel do Concello cos gandeiros durante o mandato que empeza será determinante.

-Que se pode facer dende o Concello para apoiar ao sector gandeiro?

-Como motor da economía municipal, para nós resulta prioritario. Dende sempre estivemos ao seu lado e imos continuar apostando por eles. A través de plans programados de mantemento e desbroce de camiños agrícolas, na máxima simplificación posible dos trámites administrativos para a obtención de licencias de obra ou na rebaixa do IBI rústico nun 95 % que imos levar a cabo este ano.

-Moitos veciños reprocháronlle que durante o último mandato apostase máis polo turismo que por outros sectores.

-Creo que é unha crítica inxusta porque para nós todos os sectores económicos do Concello son igual de importantes e a todos intentamos axudar na medida das nosas posibilidades. Ben é certo que o turismo, un sector en claro auxe, tivo máis visibilidade nestes últimos catro anos, pero é porque con anterioridade apenas se fixera nada por potencialo. En calquera caso, quero recordar que, neste último mandato, o Concello creou, por primeira vez na súa historia, unha liña de achegas para emprendedores que axudou a que 20 novos autónomos iniciasen a súa actividade. Tamén de xeito continuado se puxeron en marcha distintas campañas de promoción do comercio local e de apoio á hostalería que tiveron moi boa acollida.

-Fala do auxe do turismo. Pode converterse nunha actividade importante para a economía do Concello?

-Eu creo que xa o é. Nos últimos anos abriron máis de vinte novos establecementos hostaleiros, a maioría vinculados ao Camiño de Santiago. Temos que seguir nesta liña de promoción do Concello no exterior porque ademais da ruta xacobea temos outros moitos recursos que son susceptibles de ser aproveitados.

-É posible desestacionalizar as visitas?

-Penso que si. Dende logo, niso imos traballar. Hai que aproveitar os cinco meses fortes do Camiño e despois centrarse noutro perfil de visitantes.