Anxo Queiruga: Un gladiador na dura guerra pola xustiza social

O sonense leva máis de dúas décadas loitando polos dereitos das persoas con discapacidade


Ribeira / la voz

Naceu en Carballosa, unha aldea de Porto do Son, pero hoxe vive a cabalo entre Madrid e Santiago, estadías que alterna con viaxes por todo o territorio español. Anxo Queiruga é o máximo expoñente da loita pola igualdade das persoas con discapacidade en Galicia e un dos pesos pesados a nivel estatal. Tocou fondo cando era só un neno, pero co impulso da súa familia foi quen de sobrepoñerse. Non se conformou con sobrevivir, senón que se decidiu a cambiar o mundo, a conseguir para os seus iguais as mesmas oportunidades que teñen o resto dos cidadáns.

Emociónase cando bota a vista atrás, primeiro ao atropelo que sufriu no ano 82 e o deixou sentado para sempre nunha cadeira de rodas. Despois, á morte do seu pai, o seu gran apoio, só un lustro despois. Calquera na súa situación e residindo nunha zona rural coma el podería afundirse. Anxo Queiruga non foi unha excepción: «Con 14 anos pesaba 91 quilos e ía en aumento». Pero a enteireza da súa nai resultou determinante para cambiar o seu destino. Deixouno chorando en Salamanca, nun centro de rehabilitación. En pouco tempo baixara 30 quilos e era quen de asearse e vestirse só. Para cando regresou a Galicia, mesmo traía o carné de conducir.

Formación en Santiago

De volta en Carballosa, decidiu encamiñar o seu futuro converténdose en zapateiro, pero unha chamada de Cogami convidándoo a participar nun curso de administrativo e un novo pulo da súa nai volverían a ser determinantes. Anxo Queiruga non só completou aquel seminario en Santiago, senón que animado polas súas mestras, matriculouse no instituto de Fontiñas para cursar o ciclo de Administración e Xestión, e saltou despois ao San Clemente, onde se formou nunha rama de informática.

Sendo alumno deste centro entrou a formar parte de Cogami: «O entón presidente, Domingos Dosil, chamoume porque acababa de morrer Manolo Novoa, o responsable de Ambar, e precisaba xente nova para o movemento asociativo». Empezou na área de administración, pero aos dous anos xa se converteu en vicepresidente. Era novo, pero coñecía mellor que ninguén a realidade do colectivo en Galicia: «Pasárame un par de anos recorrendo a comunidade como responsable do servizo de emprego de Cogami, mantendo reunións con tódolos alcaldes e tamén coas persoas con discapacidade para explicarlles os servizos que ofrecía a confederación».

No 2007, despois dunha etapa de aprendizaxe da man de Dosil que cualifica de impagable, Anxo Queiruga converteuse en presidente de Cogami, entidade que aglutina a 54 asociacións de Galicia: «Fixen un equipo de xente nova, con moitas das persoas coas que estivera traballando nas áreas de formación e de emprego». Coas ansias de cambiar o mundo por bandeira, o barbancés deu hai tres anos o salto a Madrid, para asumir a vicepresidencia de Cocemfe, colectivo que engloba a 1.620 colectivos de España.

Logros e obxectivos

Consciente de que aínda queda moito por facer, non oculta a súa satisfacción polo cambio radical que experimentou o panorama para as persoas con discapacidade: «Cando eu comecei nisto a situación era moi precaria, tanto que era cuestión de colgar unha pancarta por día. A loita gorda era a das barreiras arquitectónicas, pero no eido do emprego non había nada, era impensable que as persoas con discapacidade puideran acceder a un traballo ordinario».

A pesar do sufrimento pasado, considérase afortunado e séntese orgulloso cada vez que comproba como a súa loita serve para cambiarlle a vida ás persoas, poñendo á súa disposición servizos e oportunidades: «Cometemos erros e non imos á velocidade que nos gustaría, pero estase avanzando. Por dar un dato, Cogami ten 1.100 traballadores directos e o 92 % deles son persoas con discapacidade». Asegura que a transparencia na xestión é outro dos seus retos: «Xa Dosil dicía que un se pode equivocar, pero sempre hai que ser honrado e nunca meter a man na caixa».

A Queiruga, que vén de renovar o seu cargo de presidente de Cogami por catro anos, aínda lle quedan moitas materias pendentes, pero a súa gran espiña é mellorar a situación dos usuarios que viven na zona rural: «Teñen que ter, si ou si, os mesmos recursos e a mesma capacidade para xestionar a súa vida». Outra das súas grandes batallas estará no eido da formación: «Os nenos con discapacidade teñen que ir a colexios do sistema educativo ordinario cos apoios que precisen e que non nos conten milongas».

A nivel Galicia. Anxo Queiruga foi vicepresidente de Cogami do 1998 ao 2007. Desde entón, ocupa a presidencia da confederación.

A nivel estatal. É vicepresidente de Cocemfe, que aglutina a 1.620 colectivos, e do Cermi, comité con representantes de diferentes discapacidades.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Anxo Queiruga: Un gladiador na dura guerra pola xustiza social