Juan José Blanco: «No ámbito local, sempre teñen máis peso as persoas que as ideoloxías»

O rexedor do BNG obtivo o mellor resultado da zona e contará coa maioría absoluta máis ampla


MAZARICOS / CORRESPONSAL

Despois de conseguir a maioría absoluta máis ampla de todos os concellos da comarca, liderando a lista do BNG, Juan José Blanco Riveiro (Brasil, 1980) volverá ser o alcalde de Mazaricos durante os vindeiros catro anos, un período que espera sexa o da consolidación de distintos proxectos municipais e o despegue definitivo do Concello en ámbitos económicos tan relevantes como a gandería ou o turismo.

-Volveu a obter un respaldo maioritario dos mesmos veciños que historicamente viñan apoiando ao PP e que xa o levaron á alcaldía no 2015. Como se consegue, en apenas catro anos, cambiar unha tendencia de décadas?

-Pois con traballo e dedicación. Estando ao lado dos veciños e axudándoos en todo o que se poida. No ámbito local, sempre teñen máis peso as persoas que as ideoloxías, por iso ata resulta lóxico que haxa transvase de votos duns partidos a outros. En Mazaricos déronse determinadas circunstancias que favoreceron o cambio e nós o que fixemos foi demostrarlles aos veciños que estamos preparados para corresponder á confianza que nos deron.

-Aínda que gañou en todas as mesas, na da Picota obtivo un espectacular 70 % dos votos. Esperaba un resultado tan bo?

-A verdade é que durante todos os actos de campaña xa notábamos un apoio maioritario da xente. Na mesa da Picota, en concreto, xa obtivemos un bo resultado hai catro anos e, afortunadamente, fomos capaces de mantelo tamén nesta ocasión. Para nós son igual de importantes todas as parroquias, polo que imos seguir traballando para tentar que o gran apoio da Picota se estenda no futuro ao resto de mesas.

-Durante a campaña acusárono de falta de transparencia á hora de adxudicar obras e servizos municipais. Que ten que dicir ao respecto?

-Acusáronme de moitas cousas, pero non probaron ningunha. Non foron capaces de sacar un só papel demostrando que era certo o que dicían. Son dos que penso que en política non todo vale, nin sequera en campaña, pero alá cada un coa súa conciencia. Os veciños son listos e non fixeron caso ás mentiras que lles querían contar. En calquera caso, se alguén dubida de como se fan as cousas no Concello, se alguén pensa que non cumprimos coa lei, o que ten que facer é denuncialo no xulgado e non usalo partidistamente co fin de enganar á xente e xuntar catro votos.

-Notáselle especialmente molesto co que pasou.

-A verdade é que si o estou. Porque non só se me atacou a min como aspirante a alcalde, que sería ata certo punto comprensible, senón que se utilizou a terceiras persoas e a empresas que non teñen nada que ver con isto para facer dano. Admito que se critique a miña xestión, que se diga que non fixen nada ou que son o peor alcalde da historia. O que non admito é que se entre en temas persoais e incluso familiares para facer política.

-Desta volta renovou a metade dos concelleiros que o acompañarán neste novo mandato. Significa isto que tamén haberá cambios no xeito de gobernar?

-Non, para nada. A renovación sempre é necesaria porque hai que ir dando paso a xente nova que chega con ganas de traballar. O novo mandato será de continuidade porque pensamos que estamos traballando na liña correcta. En calquera caso, o noso equipo é moito máis amplo e vai máis alá das persoas que resultaron elixidas concelleiras. De feito, está aberto a calquera veciño ou veciña que desexe colaborar na mellora de Mazaricos.

«A área industrial foi algo co que nos tiveron enganados»

Practicamente a metade dos veciños de Mazaricos teñen máis de 60 anos. Esta circunstancia, común a moitos municipios, obrigará a reformular os servizos que deben prestar os concellos. Neste sentido, Blanco Riveiro sinala a necesidade de aumentar as partidas destinadas a servizos sociais.

-Que supón para un concello coma o seu ter unha poboación tan envellecida?

-O que nos pasa a nós é o mesmo que sucede, desgraciadamente, na maior parte de Galicia. Hai que adaptarse a esta realidade destinando maiores recursos aos servizos sociais. Nós, por exemplo, aumentamos un 35 % o diñeiro para este fin e nos próximos anos a cifra crecerá máis. Sen esquecer a necesidade de traballar arreo para que os mozos queden aquí e que moitos dos que marcharon volvan.

Seguir leyendo

«Dende sempre estivemos ao lado dos gandeiros e imos seguir apostando por eles»

Durante os últimos catro anos, e coincidindo coa desaparición das cotas lácteas, Mazaricos situouse como o primeiro concello lácteo de Galicia. Aínda que boa parte do que afecta directamente ao sector depende doutros organismos ou institucións, Blanco Riveiro sinala que o papel do Concello cos gandeiros durante o mandato que empeza será determinante.

-Que se pode facer dende o Concello para apoiar ao sector gandeiro?

-Como motor da economía municipal, para nós resulta prioritario. Dende sempre estivemos ao seu lado e imos continuar apostando por eles. A través de plans programados de mantemento e desbroce de camiños agrícolas, na máxima simplificación posible dos trámites administrativos para a obtención de licencias de obra ou na rebaixa do IBI rústico nun 95 % que imos levar a cabo este ano.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Juan José Blanco: «No ámbito local, sempre teñen máis peso as persoas que as ideoloxías»