Manuel Vilar: «Interesan outras cousas do Camiño, non só os cartos dos peregrinos»«Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil».

O antropólogo cre que, a longo prazo, priorizar o aspecto económico pode ser prexudicial


Carballo / La Voz

Primeiro foi Antonio Fraguas, a quen se lle dedicaron este ano as Letras Galegas; despois, Carlos García Martínez, histórico académico e patrón fundador das Fundacións Castelao e Pedrón de Ouro. Agora, o terceiro director que terá o Museo do Pobo Galego, tal e como decidiu o seu padroado o pasado sábado, será o muxián Manuel Vilar Álvarez, antropólogo, historiador e apaixonado dos camiños tradicionais. De feito, o seu último traballo foi unha guía dunha ruta de peregrinación por Brandomil (Zas), que ficaba bastante esquecida.

Moi vencellado á Costa da Morte, tanto no persoal como no laboral, nos últimos tempos está a traballar máis pola zona da Ribeira Sacra. «Aínda que eu podo traballar en calquera lado: aló onde haxa xente estarei interesado. Son un cidadán do mundo», di.

-Boas novas as que se coñeceron esta pasada fin de semana. Cólleo con ilusión?

-Moita, porque a miña vida, ao mellor, non tería moito sentido sen este museo. Levo vinculado a el dende practicamente a súa apertura, sexa dunha maneira ou doutra. Ademais, son socio dende hai máis de 25 anos e pasei por tódolos lados: fun socio de a pé, representante, membro do padroado, secretario... Outros terán máis anos ca min no museo, pero non van tanto por alí. Co cal asúmoo con moitísima ilusión, e máis aínda sabendo que só houbo outros dous directores antes ca min nos últimos corenta anos: Antonio Fraguas e Carlos García Martínez, ambos fundamentais para a súa historia.

-Unha gran responsabilidade tomar este relevo, entón.

-Asústame un pouco, a verdade [ri], porque sempre te van a comparar, e eu non teño nin a calidade humana nin a talla de, por exemplo, don Antonio Fraguas. Iso si: estou disposto a traballar moito, sempre o dixen.

-Cal será a súa función?

-Pois, en esencia, programarei a actividade do museo, como a montaxe de exposicións. Pero traballarei, sobre todo, na imaxe exterior da institución. É un museo de Galicia e, como tal, ten que ser coñecido, pois se a propia sociedade non sabe del ou non lle interesa é mellor pechar a porta.

-Máis aló do seu traballo co Museo do Pobo Galego, leva a cabo tamén un intenso labor antropolóxico e investigador. Non se aburre vostede.

-Non! [Ri]. De feito, non me chega o tempo. Gústame investilo en cousas que penso que poden ser interesantes para a sociedade. Eu creo que o coñecemento é fundamental: a xente ten que saber da realidade na que vive, a súa historia, a cultura, a paisaxe, os camiños...

-O Camiño é un dos seus campos de traballo. Vímolo hai uns meses presentando unha guía da peregrinación por Brandomil, no concello de Zas.

-Máis que o Camiño de Santiago, adoito falar dos camiños históricos, en xeral. Sempre dixen que o meu achegamento ao Camiño de Santiago foi por unha casualidade, pois vin que comezaba a ser reivindicado por algúns alcaldes, ao mesmo tempo que empezaban a destruílo. Para min os camiños -tanto o de Santiago como calquera outro- son fontes de coñecemento que falan dunha relación nosa co territorio que habitamos, dándonos información histórica.

Nestes momentos só se mira a parte económica do Camiño. Non digo que non sexa interesante, porque de algo temos que vivir e comer, pero mirar só as cifras de cantos peregrinos chegan ao ano ou cantos cartos deixan... Hai outros intereses no Camiño que tamén deben terse en conta.

-Está contaminado o Camiño?

-Pois hai uns días tiven que ir a Santa Comba dar unha charla e puxen unha foto da etapa Santiago-Negreira [a primeira da prolongación a Fisterra e Muxía], chegando á Ponte Maceira, onde todos os postes están cheos de carteis publicitarios. A lei do Camiño di que iso non pode ser. Hai que estar aí e anunciarse para poder competir neste mundo global, pero non se pode monopolizar.

-Tamén de actualidade está a iniciativa para impulsar a Vía Mariana Luso-Galaica.

-Non estou moi familiarizado coa actividade desa asociación, pero recuperar os camiños, como paso histórico, sempre me parece interesante. Agora ben, esas rutas tamén deben adaptarse aos tempos: non é o mesmo recuperalas agora que o sería hai cincuenta ou cen anos.

O seu último traballo

«Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil». Unha ruta histórica de peregrinación por Seoane, Fontecada, A Pereira, Antes, Baíñas e Berdoias é o que inclúe Manuel Vilar Álvarez na súa guía «Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil», de Alvarellos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Manuel Vilar: «Interesan outras cousas do Camiño, non só os cartos dos peregrinos»«Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil».