Seis horas

BARBANZA

16 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Voulles dicir que son bastante repugnantiño coa información xornalística durante os tempos de eleccións. Leo o xusto daquelas noticias de temática máis política, porque as eleccións son como a esaxeración paródica das ideas remexidas nos dous anos posteriores á campaña. Porén, non perdo case ningunha desas entrevistas lixeiras nas que se lle preguntan aos candidatos pola vida persoal. E eses textos só se apañan en tempo electoral.

Pódense extraer moitas conclusións desas conversas en aparencia inocuas, non tanto polo que din como polo que non din. Por exemplo, o típico candidato que escolle de pintor a Velázquez, de escritor a Cervantes e de músico a Beethoven non leu un libro en décadas, e o último disco que tocou foi o frisbee para botarllo ao can na praia. Non me burlarei diso: adoito preferir políticos aburridos a aqueles demasiado brillantes e cultos, agás o homónimo Emmanuel Macron.

O que non aturo é unha constante enfermiza e perigosa. Todos os candidatos afirman durmir seis horas. Nunca din cinco, porque iso faría sospeitar ao votante de ser doente de insomnios e, xa que logo, dun estado vital algo inestable. E nunca, nunca, afirmarán durmir oito plácidas horas. Porque iso daría que pensar. Que é unha persoa que dorme as súas xustas oito horas, un vago?

Igual que a carencia de enciclopedismo nun político non é necesariamente negativa, si nos debera preocupar que nos goberne xente que non é quen de equilibrar a súa vida o xusto como para poder durmir coma bebés. Ou que non quere confesalo.