Dache: «As artes marciais son un bo camiño fronte ao acoso escolar»

Logo de media vida impartindo a versión máis tradicional do taekuondo, destaca a importancia dos valores


Antonio Blanco García, Dache (Noia, 1970), converteuse nun dos maiores impulsores do taekuondo tradicional na bisbarra. Sendo un neno, tras sufrir unha enfermidade, atopou neste deporte o camiño para saír dun mal momento. Agora, como instrutor maior do ITF Noia, busca que os valores das artes marciais perduren nas novas xeracións.

-Cales son as metas do club?

-No plano deportivo temos o Mundial, que se celebrará en agosto en Bulgaria. Contamos tamén cunha concentración en Madrid para os que lograron ouro e prata no último torneo. Logo, no eido máis institucional, queremos seguir mantendo a canteira. Temos 150 alumnos, pero queremos reforzala.

-Que disciplinas practican?

-O taekuondo ITF é a principal, pero tamén facemos kickboxing.

-Cales son os valores dos que se falan nas artes marciais?

-Cortesía, integridade, perseveranza, autocontrol e espírito indomable. Eses son os principios que nós transmitimos. Todo iso serve para outros aspectos da vida máis aló da práctica deportiva. Dálles seguridade aos rapaces, respectan máis aos seus maiores. Permítelles diferenciar entre o ben e o mal.

-Que diferenzas existen entre os dous tipos de taekuondo?

-O olímpico é máis moderno, centrado máis no deportivo, e o noso é máis tradicional, mantén a esencia da arte marcial. Agora están en negociacións para que, a pesar de que sexan diferentes, unha mesma federación defenda os dous.

-E no aspecto máis práctico, onde se atopan as diferenzas?

-Non teñen nada que ver. Eles utilizan unha técnica máis de perna, mentres que nós facemos 50 % de perna e 50 % de puño. Estamos máis próximos ao que é o karate, que é un dos pais do taekuondo.

-Cales son os puntos positivos e negativos de cada un?

-No plano deportivo destaca máis o outro taekuondo, que foi considerado olímpico. O noso é máis variado, ten a parte técnica, as formas, a defensa persoal, o combate deportivo e tradicional, así como a súa propia filosofía.

-E onde cre que radica o éxito do ITF Noia?

-Somos un club que está dirixido por pais de alumnos. Estábamos nun colexio e comezaron a poñernos barreiras. Creouse e empezou a crecer como a escuma. O maior segredo está en que se vela porque os fillos practiquen esta actividade nas mellores condicións. Non temos ánimo de lucro e buscamos adaptarnos ás necesidades. Agora hai seis adestradores e as cotas están destinadas á difusión e á competición, o que nos permite movernos moito. Estamos constantemente dun lado para outro. Vemos como noutros lugares, chegada a unha idade, os rapaces deixan. Aquí intentamos que saian a competir sen que supoña un gran gasto económico.

-Que atrae das artes marciais?

-Todo o que dixemos antes. Estes deportes permiten un desenvolvemento do neno moi importante. Por exemplo, sabemos que hai moitos rapaces que sofren problemas, que son inseguros ou que teñen problemas de socialización. As artes marciais son un bo camiño fronte ao acoso escolar, danlle moita seguridade aos rapaces. Os éxitos nese senso son moi grandes. Chéganos moita xente porque a deriva o psicólogo, para que aumenten a autoestima. As artes marciais chamaron a atención aos occidentais porque sempre tivemos con nós esa parte de loitadores. Parece que o fútbol destaca, pero se te pos a mirar as licencias que hai entre tódolos clubs e ximnasio da comarca, non creo que andemos demasiado lonxe. Se miras están todos cheos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Dache: «As artes marciais son un bo camiño fronte ao acoso escolar»