O BNG dálle prioridade en Outes e Mazaricos ás políticas sociais e de apoio a emprendedores

Ana Gerpe Varela
a. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Juan José Blanco puxo en valor a xestión económica no seu mandato e a outiense María Suárez falou da necesidade de cambio

13 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os candidatos do BNG en Mazaricos e Outes, Juan José Blanco e María Xosé Suárez, respectivamente, tiveron un amplo respaldo veciñal nos actos celebrados en dúas prazas tan importantes a nivel electoral como A Picota e A Serra. Os cabezas de cartel debullaron os seus programas, nos que as políticas en materia de atención social e o apoio aos emprendedores constitúen elementos prioritarios.

O mazaricán Juan José Blanco puxo en valor a xestión efectuada polo seu goberno durante este mandato, recalcando que «estivo vinculada á capacidade económica real do Concello». Por iso, indicou que as arcas locais non poden asumir o custo de mantemento que implicaría un centro de día. Pensando no elevado número de maiores que hai no municipio e na dispersión da poboación, o BNG ten unha alternativa destinada a beneficiar a máis persoas: «Queremos achegar as actividades á xente maior das parroquias. Temos un programa denominado aldeas vivas».

O apoio ao turismo, a creación de empresas mediante a concesión de axudas e seguir con investimentos en infraestruturas tan esenciais como a traída de augas ou a adecuación de vías son outros dos aspectos básicos do programa do BNG.

Dúas metas principais

Os nacionalistas de Outes reuniron a máis de 300 persoas na casa da cultura, nun acto no que a cabeza de cartel, María Xosé Suárez, explicou que o seu programa de goberno susténtase en dúas metas principais: «Queremos asentar poboación e defender a nosa veciñanza».

A candidata subliñou que «Outes precisa un cambio, o BNG está disposto e ten gañas de asumilo con todas as consecuencias. Agora só depende de vós».

Tamén interveu o número dous e responsable local da formación, Anxo Núñez, quen sentenciou: «Dende que presentamos a nosa candidatura non pasou nin unha soa xornada sen que recibíramos algunha mostra de apoio. Só faltan uns días para que, co respaldo da xente, o BNG abra un tempo novo en Outes».