Ana Belén Crujeiras: Coa cura para a obesidade no punto de mira

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

PACO RODRÍGUEZ

Dirixe un grupo que investiga as causas do sobrepeso e a relación desta enfermidade co cancro

05 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Con 9 anos, Ana Belén Crujeiras tiña claro o que quería ser de maior. Foi a esa idade cando lle pediu aos seus pais que lle regalaran un microscopio. O rechamante é que a ela non lle servía un aparello calquera, quería un de gran potencia, que lle permitira descubrir o que ocultaban determinados líquidos. Conseguido o obxectivo, non dubidou en recoller a súa propia urina para realizar as primeiras indagacións. Hoxe, un laboratorio do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), pertencente ao CHUS, é o seu centro de traballo. Alí dirixe un grupo que ten a cura para a obesidade no seu punto de mira, ao tempo que establece asociacións entre esta enfermidade e diferentes tipos de cancro.

Para chegar a ocupar este prestixioso posto, a ribeirense percorreu un camiño que comezou na USC, onde se licenciou en Bioloxía, encamiñándose despois cara a Universidade de Navarra para realizar unha tese sobre as patoloxías do metabolismo relacionadas coa alimentación. De regreso a Santiago, incorporouse ao grupo de endocrinoloxía molecular para mergullarse xa na investigación da obesidade como factor de risco de determinados tipos de cancro. Aínda que tivo que dar un salto obrigado por contrato a Barcelona, onde acabou estando catro anos formándose no campo da epixenética, xa nunca se desvinculou do IDIS.

Primeiros logros

Xa na súa etapa de estudante espertara en Ana Crujeiras a ansia por saber como os alimentos inxeridos influían no organismo e que había detrás do metabolismo de cada persoa, e nesa fronte segue loitando hoxe. A súa primeira liña de investigación no que á relación entre obesidade e cancro se refire tivo que ver cos tumores de mama. O seu equipo non tardou en comprobar que na área sanitaria de Compostela, o risco de padecer esta enfermidade era maior en mulleres con sobrepreso e ás portas da menopausa, é dicir, a partir dos 55 anos de idade.

Agora toca localizar biomarcadores que axuden a dirixir terapias personalizadas e tamén a frear esa asociación entre obesidade e cancro antes de que se desenvolva o tumor, para evitar así a súa aparición. Pero Ana Crujeiras e o seu grupo avanzan de xeito paralelo en outras direccións: «A obesidade é un factor de risco para 13 tipos de cancro; fundamentalmente para os de mama, colon e fígado. Empezamos co de mama, seguimos co de colon e agora queremos continuar co de fígado», explica.

A ribeirense soña con seguir nese cumio da investigación sanitaria no que está, aínda que non dubida en afirmar que se atopou algún que outro obstáculo no seu camiño. Os principais viñeron dados polo feito de ser muller: «Nunca percibín a discriminación, pero si é certo que eu non puiden facer unha paréntese cando tiven aos meus fillos. Aos 15 días estaba de novo traballando desde a casa, porque sabía que se non obtiña resultados para cando se fixeran as avaliacións, que neste eido son moi periódicas, poñía en risco a miña carreira e a proxección profesional».

No cumio

É que Ana Crujeiras conseguiu algo que non é doado no eido científico: realizar a liña de investigación que a ela lle interesaba sen ter que abandonar a súa terra, agás a obrigada estancia en Barcelona. Agora sente que está no seu mellor momento profesional: «Conseguimos publicar datos importantes no tocante á asociación entre obesidade e cancro, e tamén fun quen de desenvolver a liña epixenética que non había no IDIS, o que pode axudar tamén na investigación de outras enfermidades».

Sabe que aínda ten moito camiño por percorrer, polo que a ribeirense se marca metas ambiciosas: «Gustaríame ser capaz de identificar un biomarcador que se poida trasladar á práctica clínica do risco de padecer obesidade e, logo, que free outras enfermidades asociadas a ela, sobre todo, o cancro». É dicir, atopar una diana terapéutica para combater a obesidade.

É consciente de que a alimentación e o estilo de vida sedentario que imperan hoxe en día son factores que propician a obesidade, pero está convencida de que hai outras cuestións que motivan que unhas persoas gañen peso e outras non: «Penso que a obesidade é unha enfermidade a combater desde diferentes frontes, incluso desde a farmacolóxica, e hoxe en día non existe tratamento para ela».