A agricultura ecolóxica é a resposta

Francisco López Valladares PRESIDENTE DO CRAEGA

BARBANZA

05 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os críticos din que é unha moda snob condenada a morrer cando os urbanitas atopen recambio. Pero nada máis lonxe da realidade. O ecolóxico merece o título de movemento con maiúsculas, deses que medra ata botar raíces non perecedeiras. Ten sentido. Porque todos queremos asinar a paz coas nosas conciencias e deixar un mundo mellor para as vindeiras xeracións.

A agricultura ecolóxica é un valor de hoxe, pero sobre todo do mañá. A Galicia despoboada ten un aliado neste sector, estratéxico á hora de dinamizar o rural sen destruír a súa esencia. Cantas explotacións condenadas a morrer atoparon unha saída grazas a este modelo de produción... Canta xente nova volve á aldea na procura dunha oportunidade laboral… E cantos quedan aínda por descubrir esta revolución.

Sostible e extremadamente respectuosa co medio ambiente, é unha opción de vida para o produtor, pero tamén para o consumidor. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), seis de cada dez enfermidades teñen relación co que comemos. A mala alimentación está detrás de doenzas como a hipertensión arterial, o colesterol elevado ou o sobrepeso. Non é de estrañar entón que este segmento creza cada vez máis. España duplicou o gasto anual per cápita en catro anos e hoxe xa destina cinco millóns de euros diarios a produtos eco, a tenor dos últimos datos do Ministerio de Agricultura.

Son cifras con peso suficiente que en absoluto teñen que ver cun capricho pasaxeiro. A agricultura ecolóxica é unha resposta para todos os que se esforzan por construír un mundo mellor, tanto por dentro como por fóra. Tamén son moitos os oportunistas que, ao abrigo desta tendencia, intentan sacar proveito saltándose as regras. Por iso, cómpre buscar sempre o selo, única garantía oficial de que un produto se axusta á normativa da UE. En Galicia, encárgase de outorgalo o Craega, única autoridade de control deste sistema de produción na comunidade. O distintivo serve para protexer ao produtor fronte ao fraude, pero sobre todo ao consumidor. Só así, co aval dun selo público, independente e transparente, lograremos o soño de agasallar ás xeracións do mañá coa mellor versión de nós mesmos.