Sen representación política en Madrid

Ciprián Rivas VELAÍ

BARBANZA

02 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Écomplicado camiñar polas corredoiras da Barbanza sen que te encontres a un afiliado do PP laiándose dos malos resultados deste pasado domingo. Todos coinciden en que a fuxida do centro protagonizada por Casado expulsounos dun hemiciclo onde noutrora imperaban. O segundo aserto é: «Pero isto non se debe extrapolar ás municipais». Velaí o sentimento de rexeneración. Están purgando o pecado, pero á súa vez, reafírmanse no labor realizado nos concellos polos seus alcaldes, cidadáns normais, próximos aos seus veciños, lonxe do lume fatuo proxectado por Compostela e Madrid, as dúas capitais onde os seus estrategos non coñecen a realidade do día a día.

Vexamos as realidades: o ascenso do PSOE nos nosos concellos é contundente. Vox non entrou. Ciudadanos sitúase entre a terceira e cuarta forza nos concellos, alternándose con En Común. En Marea non está. O Bloque fica ás portas da Carreira de San Jerónimo sen conseguir de novo representación. Non se contenta quen non quere. Din que está subindo. Agardaban que o boirense e vello profesor Xosé Deira estivese no Senado, mais non puido ser. Os 44.250 votos non foron dabondo para dispor dun home íntegro e comprometido coa súa terra na Cámara Alta. A fragmentación das forzas da esquerda é a culpable destas derivas. O mesmo que a fragmentación da dereita provoca esta situación que permite ao PSOE, sen facer grandes esforzos, gañar unhas eleccións adoptando un perfil baixo.

A realidade: ningunha formación conta con representación en Madrid dos concellos de Barbanza, Noia, Muros e Mazaricos. Unha das áreas máis poboadas de Galicia non terá voces que se fagan escoitar nos foros onde se toman as decisións que nos afectan: nos propios partidos, no Congreso dos Deputados e no Senado.

Isto calquera con dous dedos de fronte debería facerse miralo. Empezando por Feijoo. A ditadura das listas pechadas ten estas cousas. E o papanatismo dos afiliados axuda.

Si quen asina esta crónica exercera como alcalde do PP de Boiro, Porto do Son e Ribeira estaría preocupado e manifestaría o mesmo que Santiago Freire, rexedor de Noia, antes de Lousame: «Os resultados non son para afrontar as municipais confiados e con tranquilidade». A súa ampla experiencia política e de xestor do público debería actuar como unha chamada ás barricadas para reconducir as estratexias fronte ás divisións que lles afectan. O mesmo que os partidos da esquerda.

Pero, xa se sabe que non hai peor cuña que a da propia madeira. En Ribeira, Torres Colomer non acepta pechar a lista do PP, o que manifesta, unha vez máis, pero xa publicamente, a súa desafección con Ruiz Rivas. Vicente Mariño de Bricio, líder do PBBI, a estas alturas e cunha lista confeccionada con ex do PP, non contempla outra alternativa que ser alcalde en lugar do actual. Si se presentan Vox e Ciudadanos, logo de ver a estratexia do PSOE, o conseguirá; se non ao tempo.