Xulio Gutiérrez: O cazador de historias animais únicas

Vén de publicar un libro sobre as especies migratorias, o sexto dunha serie de éxito


ribeira / la voz

Con Bocas, un libro que reflicte as características dunha ducia de especies cun curioso tipo de alimentación, abría no 2008 Xulio Gutiérrez a colección Animais extraordinarios da editorial Kalandraka. Desde entón, o biólogo e escritor cazou para os lectores máis novas singulares historias de exemplares rechamantes pola súa forma de nacer, polas construcións que realizan, pola capacidade de ocultarse ou polos seus ollos. Agora, regresa con Viaxeiros, un volume dedicado ás especies migratorias. Coma nos anteriores, a súa investigación complétase coas ilustracións de Nicolás Fernández.

Nesta última creación literaria, Xulio Gutiérrez fala, por exemplo, do carrán, un paxaro semellante a unha gaivota pequena para o que sempre é verán: «É o animal que fai as viaxes máis longas da fauna mundial, pois cambia de hemisferio para vivir sempre alí onde é estío». Tamén se mergulla na historia do bisonte americano e no cambio que experimentou a súa forma de vida: «Antes facía unhas migracións tremendas, pero a poboación viuse notablemente reducida e agora viven confinados en reservas. Cando chega o inverno, amoréanse e déixanse pastorear, coma se fosen vacas. Unha triste imaxe a que nos queda deste impoñente animal».

A marabunta, as formigas que viaxan pola selva arrasando todo o que atopan ao seu paso, e o cangrexo vermello, que atravesa unha illa do Índico para poñer ovos, son outras das singulares especies que Gutiérrez amosa no seu libro. Pero, se hai una historia que destaca sobre as demais, esa é a do lemming, un pequeno roedor que vive no norte, en países como Rusia, Noruega ou Canadá: «Fai viaxes cando ten que buscar novos lugares que lle garantan o sustento, pero a súa migración foi pervertida por unha película de Disney na que se vía como se tiraban por un acantilado, quedando así a idea de que se suicidaban. O certo é que son viaxes por lugares tan abruptos, que ás veces algúns morren no empeño, pero o mito é falso».

Tamén hai, no volume do biólogo, espazo para as historias que contan animais que habitan en Barbanza: «A andoriña, ese paxariño común que anuncia a chegada da primavera, vén desde África para pasar aquí o verán, e logo, cando se achega o frío, regresa ao sur, onde se xuntan por grupos as poboacións de cada lugar».

Entre patas e desaparecidos

Aínda que coa publicación deste sexto número de Animais extraordinarios se completa o plan de traballo deseñado nun principio, Xulio Gutiérrez xa ten en mente un tema para outro volume: «Trataríase de amosar as patas máis espectaculares do reino animal. Hai especies que teñen extremidades transformadas en órganos de locomoción, como poden ser alas ou tentáculos».

Pero, de momento, aparcará esta colección para embarcarse noutro interesante proxecto vinculado, como non podía ser de outro xeito, co reino animal. Continuará a traballar con Kalandraka, pero non quere de momento desvelar moito sobre a iniciativa. Adianta que será unha nova serie sobre especies que se extinguiron.

Xulio Gutiérrez asegura que a súa profesión de biólogo o leva a este empeño por divulgar as curiosidades dos animais: «Desde que o ser humano se estendeu por tódolos continentes perdemos unha cantidade de biodiversidade escandalosa e quero contribuír a dar a coñecer o que hai». Tamén quere espertar no público, sobre todo nos máis pequenos, o interese polos animais e pola natureza que el empezou a sentir cando era un neno.

Mergullado no reino animal, soña con dar un salto no eido literario: «Teño idea de facer unha colección de relatos curtos con base científica e unha parte novelada. Teño xa algo escrito e pode que en breve me decida a plasmar negro sobre branco».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Xulio Gutiérrez: O cazador de historias animais únicas