Andrés Tuñas: «Un dos principais logros do circuíto é o de achegar o deporte aos nenos»

Xoán Ramón Alvite Alvite
X. R. ALVITE MAZARICOS / CORRESPONSAL

BARBANZA

ALVITE

A terceira proba de Correndo pola Costa da Morte será en Mazaricos o 12 de maio

29 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois das probas celebradas en Camariñas e Vimianzo, a sexta edición do circuíto Correndo pola Costa da Morte chega a Mazaricos. Será o vindeiro 12 de maio na Picota e espérase unha participación duns 600 atletas, lixeiramente superior á rexistrada o ano pasado. Esas son, polo menos, as previsións que fan dende o departamento municipal de Deportes que dirixe Andrés Tuñas Sieira. O técnico apura estes días os preparativos desta proba popular que, para os participantes, considera menos dura que a de anos precedentes.

«Este ano estreamos un novo percorrido, máis chan que o de edicións pasadas e que ten a vantaxe engadida de ter os dez quilómetros que require a proba absoluta. É algo que agradecen a maioría dos corredores aos que non lles adoita gustar o de ter que dar varias voltas a un circuíto máis pequeno», apunta o técnico deportivo, que sinala que a carreira arrincará do campo da feira da Picota e percorrerá as parroquias de Mazaricos, Corzón, Colúns e Beba para chegar, de novo, á capital municipal.

Durante o percorrido, os atletas poderán gozar das paisaxes que forman as enormes praderías do municipio. Un espectáculo que, dende a organización, esperan que non estrague o mal tempo, tal e como sucedeu nas dúas últimas edicións, nas que a previsión de chuvia fixo que moitos dos que formalizaran a súa inscrición optasen por non acudir á proba. «Esperamos ter algo máis de sorte coas condicións meteorolóxicas porque o ano pasado, aínda que finalmente só caeron catro gotas, algunha xente colleulle medo a como abriu o día e non veu. Aínda que os maiores adoitan vir igual, o mal tempo inflúe moito entre os nenos», explica Tuñas Sieira, quen destaca, precisamente, a afección que este tipo de probas esperta entre os máis pequenos.

Cada vez máis nenos

«Un dos principais logros deste circuíto é o de achegar o deporte aos nenos. E iso queda de manifesto en que, con cada nova edición, a cantidade de inscritos nas categorías benxamín, alevín ou infantil vai en aumento. Na edición do ano pasado, por exemplo, tiñamos máis de medio cento de anotados no grupo dos pitufos -nenos entre 3 e 7 anos-, o que dá idea do interese que están espertando estas carreiras populares».

Neste sentido, o técnico deportivo de Mazaricos subliña a forte aposta que tanto os concellos da zona como as empresas colaboradoras están a facer para fomentar o deporte, e especialmente o atletismo, entre a poboación. «Correr é o deporte máis barato que existe porque nin fai falta material caro nin se require de grandes instalacións. Partindo de aí, que as Administracións se impliquen na súa promoción é sempre benvido», sinala Andrés Tuñas.

Tal e como apuntan dende a organización, está previsto que a proba arrinque ás dez e media da mañá cos participantes na categoría benxamín e alevín (os nacidos entre os anos 2008 e 2011), que percorrerán unha distancia dun quilómetro polas rúas da Picota. Despois será a quenda dos pitufos, que sairán ás 11.00 e percorrerán 300 metros, e dos infantís, cadetes e xuvenís, que completarán un circuíto de tres quilómetros. Tamén se estableceu unha fila cero e unha modalidade de tres quilómetros que destinará o diñeiro das inscricións á asociación provincial de loita contra o cancro.

Pola súa parte, a proba definitiva, de dez quilómetros, comezará ás doce da mañá e nela espérase a participación da atleta Rocío Alvite, que foi a gañadora do circuíto o ano pasado e que se recupera dunha lesión que a obrigou incluso a pasar polo quirófano.

Inscricións. A carreira mazaricá terá lugar o domingo, 12 de maio. A primeira categoría ten prevista a saída para as 10.30 do campo da feira da Picota. As inscricións estarán abertas ata o día 8 e poderanse realizar nas web championchipnorte.com e correndopolacostadamorte.com