Indalecio Freiría, Sito: «O máis importante para nós é promocionar o rugbi na comarca»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O directivo aposta pola continuidade do club de Santa Lucía, o único da zona que practica esta disciplina deportiva

09 oct 2019 . Actualizado a las 19:26 h.

Tres anos despois da súa resurrección, a presidencia do Barbanza Rugby Club cambia de mans. Trala marcha de Siso Pérez, Indalecio Freiría, Sito (Dodro, 1982), toma as rendas do único conxunto da comarca que practica esa disciplina que, como definiu o mesmo Winston Churchill, trátase dun deporte de cabaleiros xogado por viláns. Esta rara avis quere seguir voando e apunta á fase de ascenso como o obxectivo do próximo ano.

-Por que decidiu dar o paso?

-En realidade non o decidín eu [ri]. Propuxéronme o resto de compañeiros e saín elixido democraticamente. A esta directiva gústanos o rugbi, estamos enganchados e queremos darlle continuidade. Sería unha pena que despois de tanto traballo se desfixera todo. Investimos moitas horas e cartos en poder sacar isto adiante.

-E cal é o plan para a tempada 2019-2020?

-Queremos tratar de chegar á fase de ascenso. Contamos de novo con José Ramón Parada como adestrador. Temos moita confianza nel. É a base deste proxecto.

-Como valora o curso que acaban de finalizar?

-En resultados foi malo, hai que recoñecelo, pero axudounos a sentar as bases do futuro. Moita xente chegaba de cero, había cousas básicas nas que aínda tiñamos moitas dúbidas e traballouse todo o curso niso. Con eses ingredientes, o raro sería que todo funcionara dende o principio.

-Leva xa un tempo neste mundo, como foron os seus inicios?

-Comecei con Ingleses, en Vilagarcía. Un amigo que tiña, monitor de ximnasio, faloume de ir a probar con eles. Estiven un ano adestrando, pero sen competir. Logo xa fixen ficha durante dous anos. Foi nese intre cando decidimos crear o Barbanza e xa levamos tres anos. Organizamos tamén varios torneos de rugbi praia, tanto en Rianxo como en Boiro, que nos permitiron crear afección e recadar fondos. O máis importante para nós é promocionar o rugbi na comarca.

-E consideran que conseguiron algo nese aspecto?

-Vemos que a afección aumenta. Non sei se temos a suficiente visibilidade, xa que nos costa moito atopar xogadores e tamén financiamento. Eses son os grandes problemas aos que nos enfrontamos. Botamos de menos máis xente de Rianxo, porque son poucos, case todos veñen de Boiro, Ribeira, Valga, Vilagarcía, Pontevedra ou Santiago. Queremos unha base maior de Rianxo, xa que é onde temos o campo. Iso permitiríanos que a xente se identificara máis co club.

-O certo é que o fútbol pega moito nestes lares. Hai pouco xogador de rugbi...

-Á xente gústalle este deporte, pero cando comentas canto vale unha ficha xa comezan a botarse para atrás. Pero iso é cuestión de conseguir máis cartos. Aínda que non temos as facilidades doutros deportes, o que o proba acábase enganchando.

-Conformar un bloque sólido semella clave para o Barbanza.

-Si, buscamos xente que sexa regular, que se manteña nos anos. Hai moitos xogadores que van e veñen, pero precisamos de maior estabilidade. Sería unha pena non poder competir tendo en conta toda a axuda do Concello de Rianxo, dos patrocinadores e da comunidade de montes de Asados. Gozamos dunhas facilidades, como é un campo propio, que non teñen outros equipos.

-¿E coa base que plan hai?

-Tiñamos un grupo de rapaces que estaban adestrando con nós, pero non había xente suficiente para levalos. Ao ter un convenio con Ingleses, agora están traballando con eles. É o ideal para que poidan formarse e competir. Non ten sentido telos aquí e que non xoguen. Se o día de mañá queren facelo con nós, mellor. Canta máis xente da comarca xogue mellor para todos.

-Como lle vendería o rugbi a esa xente que non o coñece.

-É un deporte nobre, no que non se busca enganar ao árbitro nin facerlle dano ao rival. No partido non hai amigos, está claro, pero no momento en que o colexiado pita o final todo cambia. Nunca vin un deporte dos que practiquei onde houbera esta relación de amizade. Ao final coñecémonos todos, sempre falas co resto, intercambias opinións...

-E no referente aos cartos, teñen algún plan?

-Iso é o máis difícil. Sobrevivimos grazas ao Concello e aos patrocinadores. A ver se podemos facer unha cantina no campo para sacar algo, pero o importante é atopar a máis persoas e empresas que queiran colaborar.

-Do equipo deste ano esperan moitas baixas?

-Teremos algunhas porque hai xente con lesións de longa duración que non poderán competir. Outros están pendentes de marchar fóra para traballar e estudar, entón necesitamos que veña xente nova. Estamos traballando para ter o equipo o antes posible, non pensamos en non saír.