Ramiro Ouviña: «As nosas actuacións, se gañamos, estarán destinadas a frear a perda de poboación»

O candidato frentista á alcaldía pobrense aposta por crear máis chan industrial


ribeira / la voz

Ramiro Ouviña Ouviña, (A Pobra, 1947) volve liderar, por segunda vez, o proxecto do BNG para acadar a alcaldía da localidade pobrense. Capitán da mariña mercante, intentará coller o temón deste barco para levalo «a mellor porto».

-Que o levou a seguir ao fronte da candidatura do BNG?

-Foi unha decisión tomada pola asemblea e a militancia. Aceptei porque agora temos máis experiencia e somos mellores que hai catro anos.

-Como e a lista?

-É unha lista moi boa, formada por persoas preparadas, capaces e coa intención de facer cousas importantes. Ademais, nesta ocasión nos cinco primeiros postos o 60 % son mulleres. No número dous volve ir Cristina Andrade, que será unha estupenda primeira tenente de alcalde.

-Vostedes posibilitaron co seu apoio que chegase a alcaldía Nós Pobra. Cal foi a razón?

-Eles tiñan catro concelleiros, o BNG tres e o PSOE un. Pedíronnos o voto para facer alcalde a Xosé Lois Piñeiro, non para gobernar. Todos somos partidos de esquerdas e considerabamos que non podiamos consentir que seguise o PP no goberno despois de tantos anos.

-Cal foi o motivo polo que non entraron no goberno?

-Nunca se deron as condicións necesarias e suficientes, pois as súas propostas eran inaceptables. Tiveron unha posición de prepotencia, pensaban que con catro concelleiros era suficiente para gobernar.

-Faga un resumo dos catro anos do actual goberno.

-A verdade é que foi desastroso. Miras ao arredor e non hai ningún cambio significativo no transcorrer do concello. A limpeza e o mantemento das rúas non existiu. Non hai nada novo feito na Pobra. O 75 % das obras de diversos plans están sen executar e seguen agardando.

-Cal é o seu programa para estas eleccións?

-A maioría das nosas actuacións, se gañamos, estarán destinadas a frear a perda de poboación. Hai que reverter esa situación canto antes.

-Pode destacar algunhas das medidas a adoptar?

-Apostar por crear máis chan industrial, infraestruturas e accións para facilitar que a xente veña vivir aquí.

-Que ofrece o programa do BNG aos veciños?

-Traballar por un proxecto que ilusione aos veciños e facer unha Pobra harmónica e solidaria para que poida mirar o futuro con máis esperanza.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
27 votos
Tags
Comentarios

Ramiro Ouviña: «As nosas actuacións, se gañamos, estarán destinadas a frear a perda de poboación»