Dakidarría e Boikot, as grandes fichaxes

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA

BARBANZA

cedida

Ambas formacións actuarán no broche da festa, o 24, e o fin de semana repetirase o encontro de barcos tradicionais

07 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A falta de case tres meses para que a marea dorneira asolague novamente a cidade ribeirense, o cartel de actividades vai pouco a pouco collendo forma. A Real e Ilustre Cofradía anunciou na última asemblea, celebrada a noite do venres, que os grupos Dakidarría e Boikot animarán a noite grande das celebracións, a do 24 de xullo. Estas actuacións enmárcanse no Rock and Dorna, unha das propostas punteiras da festa, na que se incluirán outros moitos concertos. De feito, desde a entidade aseguraron que haberá citas musicais practicamente todos os días.

A Real e Ilustre tamén confirmou as datas definitivas da singradura dorneira número 71. Transcorrerá entre o 18 e o 24, estando prevista a celebración de Baile de Jala o 9 de agosto. Ademais, entre o 19 e o 21 de xullo levarase a cabo un encontro de embarcacións tradicionais: «Foi unha actividade que funcionou moi ben o ano pasado e queremos impulsala», explicou a presidenta da entidade, Lydia Fernández.

Tamén hai data xa para as grandes citas: a Cansión de Tasca será o 20, as carrilanas o 21, o Voo sen Motor o 22 e a Rejata de Embarcasións disputarase o 24. Volverá a formar parte do cartel o Maratasón infantil, que se desenvolverá na mañá do día 22 polas rúas de Ribeira.

Máis debuxos ca nunca

A asemblea do pasado venres serviu tamén para decidir os debuxos que este ano ilustrarán o cartel promocional da Dorna e máis o suadoiro. Estes certames contaron con 13 e 23 propostas respectivamente, a maior cifra dos últimos anos segundo apuntou Lydia Fernández.

Despois de que os socios fixeran unha primeira criba, seleccionando catro traballos en cada categoría, procedeuse á votación definitiva. Os asistentes ao encontro decantáronse por un debuxo para o cartel de Juancho Pérez e por unha ilustración para o suadoiro deseñada por Dulce María López.

Desde a Real e Ilustre destacaron o feito de que o 80 % das propostas de cada categoría foron presentadas por mulleres.