Eterna campaña

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

04 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha campaña electoral está a piques de comezar (era unha ou son varias?) e eu teño a sensación de que nunca rematou a anterior. Cal das anteriores?

Chega un momento no que xa non sabes se o partido goberna ou mitinea, ou se as oposicións, presas de disensións internas, falan para todos, para os seus ou para os contrarios. É certo que os partidos están sempre a facerse ver, pero nos últimos anos a situación se cadra sexa moito máis acelerada.

Sen dúbida, os ciclos de goberno, tan curtos e inestables, favorecen que os partidos permanezan en estado de alerta continua e co zafarrancho as 24 horas. Pero hai unha clave non tan coñecida: antes, os partidos políticos encargaban de cando en vez (son caras) esas famosas e secretas enquisas internas. A partir de aí, decidían o ton e contido das mensaxes.

Hoxe son tan só un instrumento máis: os partidos viven na esquizofrenia da aparente precisión do impacto en tempo real nas redes sociais. Tantos «gústasme», tanta participación… Coñezo líderes adictos á súa propia imaxe no Twitter e, sobre todo, a ese fluxo de reaccións tan inmediato. O problema é cando cren que ese público das redes son os seus votantes.

Os informes diarios dos community managers, a presenza continua nos faladoiros dos medios de comunicación, sumen aos partidos políticos na presión diaria, case esquizofrénica, das cadeas de televisión. Crear máis virais! Subir os seguidores de Instagram e Facebook! Superar os fans do outro partido!

O resultado é o que xa vemos. Un non parar. A eterna campaña.