López Marqués amosa en «Arró» o taller do poeta

O libro, co que o autor ribeirense culmina unha triloxía, foi presentado no acto mensual de Barbantia, realizado en Oleiros


O poemario Arró, do escritor ribeirense Xabier López Marques, é unha obra que transita por moitos xéneros e polos límites da significación das palabras, mesmo chegando a reinventalas. Afirma o autor que amosa o taller do poeta, «para que a xente vexa todo o traballo feito». Ao mesmo tempo, explica que o libro parte do concepto de construción, permitindo ao lector facer a súa propia composición «para que as verbas formen unha paisaxe nova».

A obra foi presentada no acto mensual da asociación Barbantia, que escolleu para facelo o centro social de Oleiros, continuando así, como explicou na presentación o coordinador, Xoán Pastor Rodríguez, a súa andaina «de levar a cultura galega a todos os lugares da nosa bisbarra».

Con esta publicación, López Marqués remata unha triloxía iniciada con Un verán, á que seguiu Silencio. Afirma que nela búscase xogar cos espazos e con novos significados das palabras, comparando ese labor coa técnica xaponesa do kintsugi: «Eu fago iso coas verbas, restañalas».

Á hora de repasar a traxectoria do poeta, Xoán Pastor Rodríguez lembrou que, nos seus inicios, escribiu unhas breves publicacións en castelán «pero logo reencontrouse coa nosa lingua, o galego».

Precisamente, a esta aprendizaxe serodia do idioma fai referencia o propio Xabier López Marqués cando afirma que, en certo aspecto, Arró significa tamén «a recuperación dunha ferida, do tempo perdido».

O acto cultural contou tamén coa presenza da escritora Mariña Pérez e da soprano noiesa Esperanza Mara.

Interpretación musical

A sesión, nun concorrido centro social, comezou coa interpretación, por parte de Esperanza Mara, dunha peza de Rogelio Groba adaptada por ela, Canto de berce, acompañada do violonchelo.

Esperanza Mara leu poemas do propio libro, ao longo da presentación, adaptados por ela mesma a canto e música.

Pola súa banda, na súa intervención sobre a obra de López Marqués, a poeta Mariña Pérez destacou a composición do libro coma un mosaico, un conxunto de xéneros no que Arró é a ferida da reconstrución da infancia, a sutura que o poeta engade para unir nenez e memoria.

Mariña Pérez tamén subliñou a riqueza lingüística do texto presentado, que amosa o construír do poeta.

Nas parroquias

En representación do Concello de Ribeira estivo presente o edil de Cultura, David Fernández, que deu as grazas á entidade Barbantia e ao autor da obra por achegar a cultura ás parroquias.

O acto serviu, ao mesmo tempo, para a presentación do número 143 do suplemento cultural A Voz de Barbantia, do que Xoán Pastor Rodríguez explicou que é único en Galicia: «E que logramos manter, sen faltar nunca, máis de 14 anos grazas a La Voz de Galicia».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

López Marqués amosa en «Arró» o taller do poeta