Juan José Blanco: «Este foi, sen dúbida, o mandato da auga, o asociacionismo e o turismo»

Xoán Ramón Alvite Alvite
Xoán Ramón Alvite MAZARICOS / LA VOZ

BARBANZA

alvite

O cabeza de lista indica que nestes catro anos deuse maior protagonismo aos veciños e mudou a dinámica municipal

31 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A piques de rematar o seu primeiro mandato como alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco Riveiro (Brasil, 1980) móstrase satisfeito co traballo desenvolvido. Valora moi positivamente os avances acadados en aspectos tan relevantes como a xestión municipal, o abastecemento de auga ou o despegue do sector turístico. Recoñece, sen embargo, que non todo saíu como lle tería gustado e que debido a retrasos administrativos tardouse en poñer en marcha proxectos como o do campo de tiro -vaise abrir en breve- e que acumulou máis de dous anos de tramitación.

-Toca facer valoracións deste período que remata. Cal é a súa?

-Penso que foi un mandato ilusionante no que se cambiou a dinámica municipal, o xeito de traballar, e se lle dou protagonismo aos veciños. Gobernamos para todos e posibilitamos que todos os que queiran poidan implicarse na xestión municipal. Houbo un enorme fortalecemento do tecido asociativo e tamén do sector turístico. Fomos pioneiros no apoio ao sector gandeiro e aumentamos un terzo o diñeiro destinado a asuntos sociais, aspectos ambos que para nós seguen sendo prioritarios.

-A xente adoita, sen embargo, falar de obras para valorar o traballo dos políticos.

-Ata certo punto é normal, porque resulta o máis visible. Neste aspecto fixemos un esforzo inversor moi importante no mantemento de camiños agrícolas, xa que temos unha rede viaria de máis de mil quilómetros. Aínda que se de algo estamos especialmente orgullosos é da mellora e ampliación da rede de abastecemento de auga, na que se investiron preto de dous millóns de euros. Este foi, sen dúbida, o mandato da auga, o asociacionismo e do turismo.

-Que pode ofrecer un concello rural e gandeiro coma Mazaricos no eido turístico?

-Temos un potencial enorme grazas, precisamente, á nosa riqueza natural e paisaxística. Cada ano atravesan o municipio mais de 40.000 persoas que percorren a prolongación da ruta xacobea cara Fisterra. Unha capacidade enorme que non podemos deixar escapar. De feito, xa temos máis dunha vintena de negocios vinculados directamente a ofrecer servizos aos camiñantes.

-Que papel xogou o concello no despegue do turismo?

-Evidentemente, o mérito do que se conseguiu é dos promotores que apostan por vivir e traballar aquí. Dende o Concello apoiámolos en todo o posible. Dende a tramitación dos permisos ou subvencións, ata a promoción a través da presenza en todos os eventos e plataformas que nos axuden a traer xente ao municipio de Mazaricos.

-Catro anos despois seguen sen PXOM. Considérao un fracaso?

-Non vou negar que me gustaría telo aprobado, pero partiamos dunha situación moi complicada. Tiñamos un proxecto de área industrial que levaba anos parado porque a zona está repleta de mámoas, o que a fai inviable. E, para colmo, tamén houbo diferentes modificacións da Lei do Solo que nos obrigaron a volver a redactar parte do proxecto. Chegados a este punto prefiro que se aprobe máis tarde do previsto, pero que, cando se faga, sexa unha ferramenta de utilidade para a veciñanza.

-Que lle pode ofrecer aos veciños para que o sigan apoiando?

-O mesmo traballo e dedicación que ata agora. Xa puidemos conseguir máis ou menos cousas, pero ninguén pode negar que nos esforzamos.

-Sempre quedan proxectos aprobados que non verán a luz antes das eleccións. Vostede tamén ten algún?

-Temos varios e moi interesantes. Destacaría, dende logo, a construción das sendas peonís entre Insua e A Picota e entre Sanfoga e Ponte Olveira, que custarán máis de 450.000 euros, ou a mellora das instalacións do centro de saúde da Picota, que se vai contratar en breve e que conta cun orzamento próximo aos 130.000 euros.