Pulo desde Barbanza ás artes e á literatura

M. X. B. RIBEIRA

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Gravado, relato, poesía, fotografía e audiovisual teñen cabida na decena de concursos que hai en marcha na comarca

30 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Maio é o mes das letras por excelencia e cada ano, a medida que se achega, xorden en Barbanza diferentes certames encamiñados a premiar a creación artística e literaria. Neste intres son unha decena os que están en marcha. En boa parte dos casos, os interesados aínda están a tempo de facer chegar as súas propostas.

Avilés de Taramancos

Ata o día 8 • Concello de Noia • A décimo terceira edición do certame de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos entra na súa recta final. O vindeiro día 8 rematará o prazo para a presentación dos traballos, estando previsto que o xurado emita o seu veredicto o 10 de maio. O concurso, convocado polo Concello noiés, está dotado cun premio único de 3.000 euros; e os traballos que concorran deben ter unha extensión de entre 70.000 e 100.000 carácteres.

 

 

Francisco Añón

Ata o día 3 • Casa de cultura de Outes • A Outes seguen chegando poemarios para concorrer á vixésimo terceira edición do Francisco Añón, un certame de poesía convocado polo Concello. En xogo hai premios por un importe próximo aos 2.500 euros. Nas bases establécense media ducia de categorías, que fan posible que se poidan presentar escritores a partir dos 6 anos. O fallo farase público o 17 de maio.

 

 

Concurso de relatos

Ata o luns • Liceo de Noia • O certame de relatos é unha das actividades estrela do Liceo de Noia. De feito, este ano acada a súa décimo sexta edición. Está dotado cun premio único de 1.000 euros. O prazo para facerlle chegar os traballos á entidade conclúe o luns e está previsto que a decisión do xurado se coñeza o Día das Letras Galegas.

 

 

Olloboi

Ata o día 30 de abril • O noveno festival Olloboi xa está en marcha. Aínda que a gala de entrega de galardóns non terá lugar ata o 10 de maio, o goteo de traballos xa empezou. Nesta edición haberá nova categorías, sendo o galardón máximo o Zamburriori, que será outorgado directamente pola organización.

 

 

Atlante

Ata o 31 de maio • Museo do Gravado de Artes (Ribeira) • En marcha está tamén unha nova edición do Atlante, o certame de carácter internacional impulsado polo Museo do Gravado de Artes. O concurso, no que cada artista poderá concorrer cun máximo de dous traballos, pon nesta ocasión en xogo 15.000 euros, que se distribuirán en cinco premios. Está previsto que o fallo do xurado se coñeza no mes de xullo.

 

 

Fotografía

Ata o 31 de decembro • Corrubedo • A asociación Corrubedo XI Siglos convocou un novo certame. Trátase dun concurso de fotografía que busca poñer en valor a paisaxe e o patrimonio da parroquia. Cada persoa poderá concorrer cun máximo de tres imaxes. Hai reservados un cheque de 200 euros para o gañador e outros dous de 100 para os finalistas.

 

 

Microrrelatos

Ata mañá • Amnistía Internacional Barbanza • Mañá remata o prazo para a presentación de traballos ao segundo Concurso Xuvenil de Microrrelatos promovido por Aministía Internacional Barbanza. Nesta ocasión, a temática debe xirar ao redor do acoso escolar. Os textos terán unha extensión máxima de 250 palabras e poden estar redactados en galego ou castelán. Enviaranse a barbanza@es.amnesty.org.

 

 

Alberto Romero

Aínda vén de pecharse a terceira edición e non se abriu o prazo de presentación dos traballos, pero xa está confirmado que o certame audiovisual Alberto Romero terá continuidade. Poderán seguir concorrendo tanto os centros educativos coma o público en xeral.

 

Carlos Mosteiro

Tampouco viron a luz as bases do certame literario Carlos Mosteiro, promovido polo Concello da Pobra e a asociación Barbantia, pero si se confirmou que haberá segunda edición. Sábese que o concurso estará dirixido a todos os autores que queiran sumarse, independentemente da súa nacionalidade, aínda que terán que redactar os seus textos en galego. Deben ser obras inéditas que se enmarquen no eido da literatura infantil, é dicir, que vaian destinadas a nenos de entre 3 e 12 anos.

 

Cidade Centenaria

No caso do concurso internacional de novela Cidade Centenaria que promove o Concello de Ribeira, o prazo para a presentación dos traballos xa está pechado. Á casa consistorial chegaron 10 obras, pero aínda podería recibirse algunha máis vía correo ordinario. O gañador levarase un premio en metálico de 3.000 euros.