Rosa Fernández Pou: O ruído do silencio na existencia da filla do Comandante Soutomaior

Conta as penurias que pasou a familia do lendario antifranquista NoéRosa Fernández Pou


A tarde anuncia xa a primavera sobre Vilagarcía. Moitas veces temos arribado a este porto a bordo daquel vapor que facía a travesía dende a Pobra, o que foi creando un vencello de amizade entre os dous pobos, dende o comercial ao cultural, ata os anos 80 do pasado século.

Acompáñame o meu admirado amigo Manuel Cartea, e entramos na cidade de Elpidio Villaverde e da súa filla Mariví, con resonancias do drama daquel fatídico 1936, do que a familia da nosa convidada, Rosa Fernández Pou, é fiel reflexo: represión, dor, e cicatrices inda non pechadas. E con ela imos conversar e tentar de desentrañar ese «ruído do silencio», como ela define parte da súa existencia.

Rosa é a derradeira filla viva de Xosé Fernández, o Noé, o Comandante Soutomaior, un dos persoeiros máis activos do exilio galego do século XX. A nosa conversa quere saber como unha nai, Manuela Pou Rodríguez, pode sobrevivir á infamia e á barbarie, con cinco fillos cativos e a súa avoa Carmen, sos, co cabeza de familia fuxido, e vida rachada naquela Pobra triste e miserenta para milleiros de cidadáns.

-Rosa, fálanos daqueles tempos de nena.

-Eu nacín en Vilagarcía, por mor do desterro que neses meses sufría o meu pai por motivos políticos. Aquí vivín feliz con dúas das tías maternas ata os oito anos, idade na que retorno á Pobra. Confeso que para min isto foi a traxedia máis grande da miña vida pois na Vila agardábanme penurias, fame e todas as carencias.

?A que se dedicaba a túa nai? En que traballaba?

-Miña nai Manuela traballaba nas conserveiras e, a maiores, nos intres libres, facía alpargatas na casa, que logo, en lugar de as vender, trocaba por alimentos, pois a miseria era grande.

?Dinos, Rosa, e a escola? Como a recordas?

-Fun pouco; apenas tiven ocasión de aprender a ler. Era a filla do roxo, e naquel recuncho ficaba día tras día. A mestra, falanxista, non me dirixía a palabra. Só se ocupaba das da súa corda. Logo, co tempo e as miñas ansias, fun aprendendo a ler e a escribir.

?E despois da etapa escolar, que pasou?

-Con oito anos lévanme para Santiago, a traballar nunha pensión; alí fago recados, limpo, frego pratos e potas, e o que me mandan. Así estiven seis meses até que volto para a Pobra. Logo, até cumprir os trece anos, coidei de cativos en casas pola comida. Entón, a esa idade, marcho para Madrid, a servir, co soño de comer, e alí permanecerei dous anos. As lembranzas e as experiencias que teño desta época son moi negativas: A ama era bruxa e mala.

?E como vos foi a vida sen o teu pai no fogar?

-Recordo con amargura eses primeiros anos co meu pai fuxido (marchou cando tiña eu dous anos) e a familia descabezada, o que causou que meus irmáns Manolo e Santiago tivesen que pedir esmola polas casas para sobrevivir; ían ata Noia e aos pobos da montaña á procura de alimentos, e inda os vexo como chegaban derreados co saquiño ao lombo. Manolo era o máis significado, o de máis carácter, e tamén o máis presionado pola falanxe e a Garda Civil, que lle comisaban os alimentos e o retiñan horas e horas no cuartel, presa do medo.

-E de teu pai, sabiades algo?

-Meu pai seguía fuxido, combatendo pola República, e logo no maquis, exiliado en Francia, onde é apresado polos nazis e internado en Auswitch. Pouco antes escríbelle á miña nai animándoa a reunirse con el, pero ela non quere abandonar os fillos, e négase a marchar. Logo non temos noticias del, pois a censura franquista impide que se relacione coa familia. En 1957 sabemos que está vivo polo seu tío Balbino, que vive na Coruña -onde estivo preso varios anos por antifranquista e comunista, e coincidiu co Foucellas-. Non coñezo o meu pai ata 1978, en Londres (a onde emigrei de 1963 a 1990), e onde se reúne comigo e con meu irmán Manuel. No coche dende o aeroporto, preguntou quen era eu, pois non me recoñecía. Deixárame con dous aniños. Logo xuntámonos outras dúas veces, tamén coa miña nai.

Dinos Rosa non ter idea de que no secuestro do transatlántico Santa María, de eco internacional, o xefe militar era seu pai, co sobrenome de Soutomaior, e que tardaría tempo en facerse unha idea real da importancia desta acción contra as ditaduras de Franco e Salazar.

E a punto de rematar esta apaixonante conversa, confésanos que toda a familia sentiu admiración polo compromiso político de seu pai «inda que co que fixo non comemos». Pero «el debeuse ás súas ideas, á loita contra o franquismo; non existiu nada máis importante na súa vida». Así dá Rosa testemuño, pese a todas as que a súa familia pasou, de que se a loita de seu pai serviu para que gocemos dun sistema democrático de mulleres e homes libres, benvido sexa o sufrimento.

Escoitar a Rosa foi un deleite, pois hai vidas que superan a ficción máis inverosímil, e ela, con 85 anos, conserva toda a vivacidade e os recursos de quen viviu unha vida dura e comprometida, e que segue a gozar dunha cativadora memoria.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Tags
Comentarios

Rosa Fernández Pou: O ruído do silencio na existencia da filla do Comandante Soutomaior