Ciencia comunicable

EME CARTEA

BARBANZA

CEDIDA

26 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Kalandraka saca este magnífico libro, Viaxeiros, número 6 da colección Animais extraordinarios. Un álbum ilustrado saído das sabias mans de Xulio Gutiérrez, autor do texto, e de Nicolás Fernández, ilustrador, que repasa a vida de 12 animais salvaxes: hábitat, alimentación, reprodución, costumes, características... e migración.

Subliñamos o exquisito coidado no tratamento de texto, a ilustración, a impresión, o deseño da páxina e a edición. O mellor dos estímulos para a lectura como lecer emocional, formativo e intelectivo. Prodesse et delectare, como nos di o poeta latino Horacio.

Na liña do pedagogo Xoán A. Comenius e do seu libro ilustrado, O mundo en imaxes de seu, que xa no s. XVII baseaba a aprendizaxe na fixación da memoria visual: antes de falar, o neno sinala; e antes de escribir letras, debúxaas.

O tándem Xulio-Nicolás sabe ben que unha das características da ciencia é a de ser comunicable. Grandes divulgadores foron S. Hawking, I. Asimov, C. Sagan, Xulio Verne... Nesta liña, Viaxeiros é un texto amable e accesible, rigoroso e claro, que se fai atractivo pola fixación no cotián e no extraordinario de cada animal.

Imaxe e texto, texto e imaxe: dúas obras de arte nunha única e complementaria aperta. Ao alcance do lector máis apaixonado!

«Viaxeiros. Animais extraordinarios»

Xulio Gutiérrez e Nicolás Fdez.

(Kalandraka, 2019)

32 páxinas