Tucho Abalo: As mans que lle dan valor ao lixo mariño

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

DANI GESTOSO

Recolle plásticos, cordas, vidros e outros residuos para convertelos en obras de arte

14 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dun tempo a esta parte existe a nivel mundial unha gran preocupación polo destino do plástico, pola súa acumulación imparable nos fondos mariños. Pero hai xa 15 anos que este e outros residuos propios do litoral galego son a principal materia prima de Tucho Abalo, un escultor boirense que lle dá valor ao lixo, outorgándolle unha segunda oportunidade en forma de esculturas. É o seu xeito de aliarse co medio ambiente, de denunciar unha práctica que constitúe unha das grandes ameazas do planeta.

Ten traballos feitos con outros materiais, desde madeira ata pedra, pasando polo bronce e a cerámica, pero a súa predilección está nos residuos mariños: «Fago fincapé nisto porque creo na política de obras e non na de palabras. Os materiais constitúen por si mesmos a parte crítica da miña obra, independentemente da temática, que é moi variada». Censura con firmeza a actitude das persoas de cara ao medio ambiente: «A terra danos de comer e nós a cambio enchémola de lixo».

Non ten claro o momento da súa vida no que empezou esta preocupación polo mar, pero Tucho Abalo está convencido de que o feito de ter nacido en Cabo de Cruz foi decisivo: «Lembro un día de mal tempo, sendo un cativo, no que vin como a praia se enchía de plásticos, redes e outros desperdicios. A partir daquela, esta imaxe foi recorrente, xusto debaixo da casa dos meus pais». E cando se fixo artista, atopou a fórmula perfecta para darlle valor a todo aquilo que os demais tiran á auga.

Para a confección de cada traballo segue un proceso que pode parecer mecánico, con recollida de residuos pola costa para o seu triturado, realización dunha escultura en escaiola que logo se baleira para servir de molde e elaboración dunha pasta con lixo e aglutinantes. Pero a inspiración, tanto á hora de elaborar ese molde como no momento do acabado, que nalgúns casos deixa cristais e plásticos á vista ou incorpora cor, é fundamental.

Ao ritmo da música

Inspirarase música é unha das predileccións do creador boirense. En ocasións, move as mans deixándose levar polo ritmo de artistas que tocan en directo, tratando así de plasmar o son, a atmosfera do momento. Tres das esculturas que esta tempada exhibe na galería La Doce son froito desta forma de traballar: «Todo comezou como un experimento con Lar Legido, de Sumrá. Mentres el tocaba a batería eu dáballe forma a unha escultura empregando unha formigoneira». A partir de aí, Abalo deixouse inspirar por distintos músicos de jazz e de folk, e mesmo por algún que outro pinchadiscos. A día de hoxe ten unha colección propia integrada por unha trintena de pezas feitas en colaboración con outros tantos grupos e artistas.

Asegura que busca, mediante esta orixinal maneira de crear, unha sumar de forzas artísticas: «Hai quen pinta en directo, quen toca en base a un repertorio programado, quen improvisa... Eu parto do ritmo do son e do que percibo, para plasmar ese momento en volume». O resultado son, como sinala, formas que non se poden describir, que incluso el nunca se imaxinaría que sairían das súas mans: «Non hai intencionalidade ningunha, todo o proceso é espontáneo».

Con eses dous puntos fortes como carta de presentación, a reciclaxe do lixo mariño e a improvisación a partir da música, Tucho Abalo aspira este ano a expandir o seu radio de actuación. Quere abrir o círculo e chegar a diferentes países europeos: «Penso que teño un proxecto o suficientemente interesante como para poder movelo por fóra de aquí». O seu obxectivo é espertar, alí onde lle deixen, a conciencia polo respecto ao medio ambiente e ao mar, provocando a reflexión.