O certame Carlos Mosteiro está en marcha

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

Patricia Mallo, que onte presentou «Os Fantom», formará parte do xurado na segunda edición do premio

12 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As bases aínda non viron a luz, pero xa está confirmada a segunda edición do certame literario Carlos Mosteiro, promovido polo Concello da Pobra e a asociación Barbantia. Púxose de manifesto no acto que se celebrou onte no auditorio Valle-Inclán para presentar Os Fantom, o libro que resultou gañador da primeira edición. O director de Galaxia, Francisco Castro, anunciou que a iniciativa terá continuidade e tamén dixo que a autora do volume, a viguesa Patricia Mallo, formará parte do xurado este ano.

Á espera de que se fagan públicos os detalles sobre o certame literario, sábese que o concurso estará dirixido a todos os autores que queiran sumarse, independentemente da súa nacionalidade, aínda que terán que redactar os seus textos en galego. Deben ser obras inéditas que se enmarquen no eido da literatura infantil, é dicir, que vaian destinadas a nenos de entre 3 e 12 anos.

Cincocentos exemplares

O Concello pobrense fíxose con cincocentos exemplares de Os Fantom, un libro que xira ao redor dunha familia de pantasmas que viven no máis alá e chegan ao mundo dos vivos de visita, pero quedan atrapados. Uns cen xa foron repartidos no mesmo acto de presentación, que contou coa participación de escolares procedentes do Salustiano Rey Eiras e do Pilar Maestú Sierra. Está previsto que se fagan chegar libros a outros colexios e tamén que sexan distribuídos en maio, no mes das Letras Galegas.

Francisco Castro comprometeu o apoio futuro da editorial Galaxia con este certame, que persegue distinguir a Carlos Mosteiro, un escritor que exerceu de mestre na Pobra e que faleceu no ano 2007. O acto contou tamén coa presenza da concelleira de Cultura, Genoveva Hermo, e do rexedor local, Xosé Lois Piñeiro.