Paula Cons: «Mataría por coñecer ás heroínas de Sálvora, por velas en acción»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Quere darlle á proeza das mulleres da illa ribeirense a repercusión que se merece

28 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na madrugada do 2 de xaneiro de 1921, o vapor Santa Isabel afundía fronte a Sálvora. Das 268 persoas que viaxaban naquel barco, 213 perdían a vida. Ata o de agora ninguén vira nesta historia, a traxedia marítima máis importante ocorrida en Galicia, o argumento perfecto para unha película. Ata que chegou Paula Cons Varela. Hai pouco que soubo deste suceso, pero ao instante decatouse de que podería ser o xerme dun guión de cine. O mes que vén iniciará a rodaxe dun filme que estará a disposición do público no 2020.

-Como xurdiu a idea de converter aquela traxedia nun guión de cine?

-Son xornalista e guionista, e gústame escribir historias inspiradas en feitos reais e, sobre todo, historias que están agochadas ou que non tiveron a repercusión que eu penso que merecen. Unha amiga, tamén xornalista, foi a que me propuxo inspirarme no naufraxio do Santa Isabel despois de ver unha exposición sobre o tema. Eu non o coñecía para nada.

-Tiña daquela experiencia na materia?

-Si, xa participara no guión de Lobos sucios, unha película sobre o volframio en Galicia, tamén baseada en feitos reais. No caso deste filme sobre Sálvora, o certo é que non foi complicado conseguir financiamento. Primeiro, a Agadic brindou o seu apoio para o guión e logo axudou moito o feito de que sexa unha coprodución coa Arxentina e o País Vasco.

-Que foi o que máis lle sorprendeu cando se mergullou na historia do naufraxio?

-Teño que dicir que nese proceso axudoume moito o libro de Xosé María Fernández Pazos. O que máis me sorprendeu foi a actuación das heroínas. Tratei de poñerme na súa pel, de pensar qué se lles pasaría pola cabeza para meterse ao mar. Estrañoume o feito de que esa proeza que fixeron non sexa o máis recordado daquela traxedia.

-Quere ser a súa película unha especie de homenaxe?

-Totalmente, pero a película ten moito de ficción; de feito, é un thriller e ten un punto trepidante.

-Como aparecen reflectidas as heroínas?

-Trato sobre todo o sentimento posterior, o trauma que deberon ter aquelas mulleres dos anos 20 que vivían illadas e que carecían de ferramentas para xestionar o que lles estaba pasando. Cando estaba con este guión sucedeu a traxedia de Angrois e cruzáronseme as reaccións dos veciños diante das homenaxes, aqueles sentimentos de antiheroes.

-Cal pensa que vai ser a reacción do público de Barbanza?

-Fóra da comarca, a historia vai encantar e a min gustaríame que aquí tamén gustara. A esencia da historia está respectada e iso é o importante, porque a verdade do que ocorreu tampouco se sabe.

-Cal é a dúbida máis grande que lle quedou sobre esta historia?

-Está claro que os feitos son interesantísimos, pero eu mataría por coñecer ás heroínas de Sálvora, por velas en acción. Gustaríame saber o que as levou a actuar daquel xeito, que sentiron despois e que importancia lle deu a xente ao que fixeron.

-Coñecía con anterioridade a illa de Sálvora?

-Pois o certo é que non estivera nunca. A primeira vez que a pisei sentín unha emoción tremenda. Penso que é un estudio de cine impagable, un lugar marabilloso que na película se vai converter nun personaxe máis.

-Vai ter entón gran relevancia a illa no filme?

-Vai haber moitas escenas gravadas na illa de Sálvora. É certo que nos gustaría introducir aínda máis, pero resulta complicado rodar alí, posto que hai que ir e vir tódolos días e desprazar unha gran cantidade de material. Estamos apostando por mesturar escenas na illa cunha boa dose de enxeño, incorporando paraxes do Grove e de Muros.

-Á espera dese lanzamento previsto para o 2020, cales son as expectativas?

-Hai que partir da base de que é un thriller no que as protagonistas son mulleres con pano na cabeza, así que iso xa é un bo punto de partida. Estamos moi ilusionados e temos a favor o elenco de actores e a participación de tres canles: TVE, TVG e ETB.