Barbanza revive a Rosalía de Castro

La Voz

BARBANZA

DANI GESTOSO

Os versos da escritora do Sar soarán en varias localidades da comarca con motivo do aniversario do seu nacemento

22 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O domingo cumpriranse 182 anos do nacemento en Padrón Rosalía de Castro. Varios concellos de Barbanza aproveitarán a efeméride para lembrala a través da súa obra, con lecturas de textos e outras actividades. Os actos comezarán hoxe, pero prolongaranse ao longo de varias xornadas.

Rianxo

Hoxe • Paseo da Ribeira • 19.00 horas • A carón do monumento dedicado á escritora do Sar, un grupo de rianxeiros, entre os que haberá estudantes, lerán poemas. Realizarase tamén unha ofrenda floral e haberá unha actuación musical a cargo de Río de Anxo. O domingo, varios locais hostaleiros da vila ofrecerán o Caldo de Gloria, sumándose a unha iniciativa promovida pola Fundación Rosalía de Castro.

Os actos culminarán o martes en Rianxo cun pregón a cargo do alcalde, Adolfo Muíños, e un recitado de versos por parte de alumnos do Félix Muriel e do colexio Castelao.

Boiro

Hoxe • Centro social de Boiro • 20.30 horas • O acto mensual de Barbantia, consistente na presentación do libro Xeración perdida, concluirá cunha lectura pública da obra de Rosalía. A maiores, a banda municipal e a escola de música local ofrecerán mañá un concerto (centro social, 12.00 horas) para renderlle homenaxe á escritora.

A Pobra

Domingo • Praza Rosalía de Castro • 13.00 horas • O grupo de gaitas Caraveiros e a escola Caramiñas animarán a ofrenda floral que terá lugar o domingo na Pobra. Posteriormente (teatro Elma, 19.00 horas), os veciños terán ocasión de ver o espectáculo etnográfico Sete espadelas. Consiste nunha pasarela de traxes antigos do vestiario tradicional galego, que se completa cunha narración na que se describen as prendas.

Porto do Son

Domingo • Casa de cultura do Son • 18.30 horas • A Rondalla de Aguiño desprázase á vila do Son para ofrecer un concerto con temas de bandas sonoras de diferentes películas. Ademais, o luns, os escolares do municipio acudirán a unha actuación de Xan Curiel, que interpretará poemas cantados de Rosalía.

Lousame

Hoxe • Casa de cultura de Lousame • 12.00 horas • Alumnos de Secundaria recitarán poemas de Rosalía e Esperanza Mara tamén lle poñerá voz e música aos versos da autora do Sar. Acudirán alumnos do Cernadas de Castro, pero tamén poderán asistir os veciños.

Ribeira

Domingo • Praza do Concello • 12.30 horas • Haberá unha lectura pública de textos da homenaxeada.