Sombreiros dorneiros á altura de Ascot

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

A orixinalidade das cabezas foi a nota dominante na gala solidaria da Real e Ilustre, que reuniu a 150 persoas

19 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de que na pasada edición se animara aos asistentes a acudir á gran cea solidaria da Dorna cun elemento na cabeza, este ano estableceuse como requisito e a resposta dos comensais foi inmellorable. Boa parte das 150 persoas que se deron cita o sábado no restaurante Baiuca luciron sombreiros elaborados de xeito artesanal. Dornas e as flores típicas da festa foron os motivos que máis se repetiron, mentres que o vermello e o verde constituíron as cores dominantes nuns tocados que algúns xa sitúan á altura dos que locen os espectadores que se dan cita no hipódromo de Ascot.

Ademais de pola orixinalidade dos sombreiros, a cea foi histórica por outros motivos. O principal, pola recadación acadada, que superou os 1.500 euros, a cifra máis elevada das contabilizadas ata agora. Contribuíron a conseguilo os máis de 40 negocios e empresas do municipio que doaron o cento de premios que se sortearon entre os asistentes.

O diñeiro será destinado, como en ocasións anteriores, a causas de emerxencia social que non sexan sufragadas polas Administracións públicas. En representación deses organismos que axudan a decidir o destino dos fondos acudiron á cea as traballadoras sociais Isabel Fernández (centro de saúde), Eva Fontaíña (UAD), Pilar García (Servizos Sociais) e María Quintano (hospital).

Proxecto musical

A Real e Ilustre aproveitou a cea solidaria para presentar un proxecto musical que verá a luz en breve no marco do Rock and Dorna. Trátase dun disco integrado por temas de once artistas locais, que conta coa participación da UAD, pois as letras das cancións están vinculadas co consumo de drogas e outras problemáticas similares. O financiamento corre a cargo do fondo social dorneiro, da Deputación coruñesa e do Concello de Ribeira.

Para dar a coñecer o traballo, que verá a luz a finais de marzo, o sábado proxectouse un vídeo no que os músicos explicaron a súa achega a este proxecto.