O público do Museo do Gravado medra

Ribeira

BARBANZA

cedida

Entre as visitas ao centro de Artes e as exposicións cedidas, calcúlase que os fondos chegaron a 15.000 persoas

17 feb 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

Nos últimos anos, o Museo do Gravado de Artes vén debuxando unha liña claramente ascendente no relativo ao número de visitas que rexistra. No 2016 duplicouse, chegando ás dúas mil persoas, e no 2017 aumentou un 10 %. O ano pasado, segundo as estatísticas que manexa o director das instalacións, Xoán Pastor Rodríguez, o incremento foi dun 20 %. Para el, o dato máis salientable é o relativo á cifra de persoas que tiveron acceso aos fondos da entidade, tanto a través das exposicións que estiveron abertas no propio inmoble, como mediante as series que viaxaron a outros lugares. Calcula que o número definitivo pode situarse ao redor dos 15.000 espectadores.

Pastor Rodríguez constatou un maior interese dos barbanceses por coñecer o museo e as súas exposicións, ao tempo que destacou unha diversificación no abano de procedencias das persoas que se achegaron á sala de Artes: «Hai unha presenza das comunidades de Madrid, Barcelona, País Vasco e Asturias, pero tamén houbo visitantes estranxeiros, chegados desde Arxentina, Alemaña, China, Francia, Bélxica, Noruega, Inglaterra, Portugal ou Brasil».

Como datos interesantes, o director fixo fincapé na relevancia que están a ter os obradoiros de gravado, que están contribuíndo a divulgar os tesouros do museo, e tamén se referiu ao incremento das visitas de grupos procedentes dos centros educativos da comarca.

Novas exposicións

No marco da liña de cesións que está impulsando o museo, está previsto que este martes se inaugure na casa consistorial de Ribeira unha nova exposición, integrada por unha vintena de obras de Leonardo Da Vinci. É un homenaxe polo quinto centenario da morte do pintor.

A vindeira inauguración prevista nas instalacións de Artes está fixada para marzo. Será a colección de traballos feitos no taller de gravado en tres dimensións que foi impartido por Jesús Fuentes. Está integrada por 30 obras.