Oito apelidos barbanceses

Martís, Sanlés, Miguéns, Olveira, Lojo, Lijó, Hermo o Sampedro son xenuínos dos veciños da comarca


Ribeira / la voz

A comarca do Barbanza pode presumir de riqueza en moitos aspectos, e un dos máis curiosos e tamén descoñecidos é que ten os seus propios apelidos, orixinarios desta terra e que perduraron durante séculos, aínda que moitos deles sufriron algunhas transformacións e outros só se manteñen nun puñado de veciños. Con toda esta base, ben poderían servir como guión para unha nova entrega das populares películas protagonizadas por Dani Rovira e Clara Lago a modo de Oito apelidos barbanceses.

De todo isto sabe moito a pobrense Ana María Boullón Agrelo, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e vinculada ao Instituto da Lingua Galega, que leva anos investigando a onomástica e a toponimia de Galicia e que está ultimando un ambicioso traballo: o Dicionario dos apelidos galegos, no que recollerá tamén boa parte dos que son típicos do Barbanza. «Hai varios que son específicos da comarca, aínda que algúns deles pódense atopar tamén noutros sitios, porque, como é normal, a xente móvese e cambia de lugar de residencia», aclarou a experta, que citou entre os máis destacados Sanlés, que levan moitos veciños de A Pobra e Ribeira. «Vén da península do Salnés, e o que pasou foi que o apelido fosilizouse dunha forma e o topónimo doutra. Facía relación aos que procedían desa comarca, que é unha palabra que deriva do latín saliniense, que ten relación coas salinas», sinalou.

Moitos apelidos foron utilizados durante séculos para designar o lugar de procedencia das persoas, e algúns destes exemplos pódense atopar no municipio de Boiro, onde abundan as persoas que levan detrás do nome as palabras Hermo (que significa lugar pouco fértil) ou Lojo. Este último foi unha castelanización do orixinario Loxo, que sufriu a mesma transformación que Lixó (Lijó), do que non se sabe moi ben a súa orixe, pero que teñen varias familias dos núcleos ribeirenses de Palmeira e Oleiros, pero sobre todo residentes no concello de A Pobra.

Ana Isabel Boullón tamén destaca Olveira como propio dos municipios da marxe norte da ría de Arousa. «Ten relación cun topónimo de Ribeira que significa oliveira, a árbore que dá as olivas, porque nalgún momento alí houbo unha grande oliveira. Na Idade Media era habitual que se plantasen este tipo de árbores nos lugares máis importantes das vilas, onde se reunían os denominados homes bos, o que hoxe serían os concelleiros», aclarou a experta.

Só 213 persoas

Hai outro tipo de apelidos que son patronímicos, é dicir, nos que se utiliza o nome do pai e se lle engade un sufixo, que normalmente é ez, é dicir, de Fernando derivaría en Fernández e de Gonzalo en González. Neste grupo destaca especialmente o de Martís, orixinario da comarca e que soamente manteñen na actualidade 213 persoas. Derivou do nome Martín, e no século XVI sufriu unha castelanización de forma total converténdose en Martínez, aínda que no Barbanza mantívose o orixinal, e consérvase sobre todo en A Pobra e en Ribeira. Algo parecido ocorreu con Miguéns, que vén de Miguel e que nos concellos barbanceses conservou esta forma, mentres que no resto acabou sendo Míguez.

Sampedro, Comoxo, Resúa, Rañó, Cespón, Caamaño, Queiruga ou Lustres tamén completan a lista de apelidos propios da comarca. Todos estes datos e moitos máis están dispoñibles no enlace da Cartografía dos apelidos de Galicia, que dá conta de onde se atopan os portadores en toda a comunidade galega.

Boullón aclarou que todos os apelidos e nomes en Galicia son posteriores á romanización, e que non se rexistrou ningunha nova forma desde 1870. Sen embargo, moitos deles -preto dun 17 %- foron castelanizados, e outros variaron a súa estrutura orixinal ou foron vítimas de erros tipográficos. Esta situación derivou en que, na actualidade, haxa arredor de 21.000 apelidos na comunidade que teñen un só portador. Aínda que a cifra é importante, a experta tamén recoñeceu que moitos deles son de persoas estranxeiras que viñeron aquí.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

Oito apelidos barbanceses