Lelo o Nentelleiro e os gatos

Gonzalo Trasbach
gonzalo trasbach (IN) SOMNIUM

BARBANZA

matalobos

10 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora, ás oito da mañá deste febreiro que acaba de comezar -foise nun suspiro o primeiro mes do ano-, cando te ergues aínda é de noite. Escoito o teu alento na escuridade do cuarto. Vexo como te moves e te vistes en silencio. Sinto a túa compañía e inmediatamente adiviño o fume do teu alento no aire frío cando chegues á rúa: a esa hora aínda tremen as sombras. Ao anoitecer, mentres gozamos deses pequenos praceres domésticos de preparar unha pequena cea, véxote contenta, animosa. Despois dun tempo falando, disme que uns coñecidos nosos mercaron un gato siamés moi bonito e elegante e que andan con el nun cesto de vimbias. E vou e aproveito a ocasión para dicirche que a meirande parte das veces os gatos soñan con facer grandes fazañas, por iso no inverno pasaban tanto tempo adurmiñados na lareira ao lado da borralleira.

«¿Como cales?», preguntas. Soñan con ser tan elegantes como as súas irmás as panteras, pero tamén con posuír a axilidade e a destreza para cazar dos tigres. Mais a coroa dos soños, segundo me teñen contado, é acadar a paciencia e ter unhas poutas tan afiadas e potentes coma as dos leóns, as feras máis fortes da súa estirpe. Din que cando están soñando con isto, repiten constantemente estas ladaíñas: un gato non é un can e nin sequera un cabalo, un gato non... ¿Non che gustou o conto? «Non moito», respondes.

¿Sabes unha cousa? «Dime». O noso amigo Emilio Araúxo narra no seu libro Tempos serodios unha moi entretida historia sobre a relación dun home cos gatos, que me lembra en moitos aspectos ao que un veciño da miña aldea me relatou do seu compadre Lelo o Nentelleiro. «¿Quen é ese?». Era un home solteirón e de moita idade que vivía só. Nun frío día de xaneiro, o veciño, que se chamaba Xaime o Laberco, veuno fendendo as canizas do carro para leña. Como andaba enfermo, ao velo case sen forzas para mover a machada, o Laberco foino axudar a partir a leña. E cando estaban en plena faena, comentoulle polo baixo: «Oíches Lelo, o gato estache coxo, anda derreado». Tratábase dun gatiño negro coma a feluxe e era moi noviño.

Entón o Nentelleiro replicoulle alporizado: «Puta que o pariu, non lle teñas pena, pois xa me mexou varias veces na cama. Ademais xa me cagou entre os cobertores, e foi por isto polo o que o quixen matar». Logo de coller alento, o vello solteirón engadiu con enerxía: «O que di o refrán é certo: teñen sete vidas, por iso son tan resistentes. Non lle consinto a ninguén que faga burla de min, e menos a un bicho así de pequecho. Puta que o trouxo a este mundo, pechei a porta para que non fuxise e agochóuseme debaixo da cama. Cando conseguín pescalo, aloumiñeino de moito carallo: ateino cun cordel á pata dunha mesa e deille unha boa tunda cunha vara. Cando se veu moi apertado, o animal pegou un chimpo e logo rabuñoume nunha perna. ¡Ai cabrón, que zurra lle dei!».

Logo de insistir en que se volvía a facer algo semellante o ía matar e de cualificar os gatos coma uns pillabáns de «moito nabo», o Nentelleiro comentoulle que había varias clases de michiños e mesmo recoñeceu que ás veces daba gusto velos cazar, mirando por entre eses bigotes que teñen para non cansar a vista. Pero logo deste tenro detalle, o vello volveu coa súa teima e coa súa xenreira contra do seu gatiño: «Este meu pertence aos da clase de traidores e desleais. Como me volva mexar e cagar na cama, entón mátoo carallo».

E foi entón cando che preguntei, miña nena, ¿gustouche o contiño? «Bueno, non está mal», concedéchesme. Pero mira que che digo. «¿De que se trata agora, doutro conto?» Non. Estou pensando que se o suceso ocorrese neste noso tempo, se cadra o Lelo podería ser detido e multado por mal trato animal, ¿non che parece? «Pois agora que o dis, se cadra, si», contéstasme mentres empezo a recoller os pratos e os cubertos de enriba da mesa.