María de Carmen Hermida: «Antes os rapaces con discapacidade estaban encerrados, agora son visibles»

É unha das fundadoras dunha entidade que cualifica de «táboa de salvación»


ribeira / la voz

A vida non llo puxo fácil, pero lonxe de renderse, María del Carmen Hermida optou por loitar e segue ao pé do canón. Ten un rapaz, como lle chama ela, de 33 anos que sofre unha discapacidade. Quedou viúva e coida a unha persoa maior, a súa nai. Pero esta noiesa atopou a súa táboa de salvación en Misela, unha asociación que contribuíu a fundar, hai un cuarto de século, e da que actualmente é presidenta. De feito, vén de ser reelixida hai pouco tempo. Sabe que é difícil atopar relevo, porque o traballo é moito e hai que facelo de xeito altruísta, pero quere brindarlle a outras familias a posibilidade que ela tivo de saír adiante.

Ela estivo ao lado do primeiro presidente que tivo Misela, Primitivo Hermo cando, alá polo 1993, xurdiu a entidade, froito da unión dos pais dos nenos que acudían ao Stand, un servizo de carácter municipal. E seguiu na directiva con Pepe Barrio, ata que lle chegou a hora de coller o mando. Fíxoo sabedora da importancia que ten manter viva a asociación e propiciar o seu crecemento: «Este servizo significou para min independencia, pois se non o tivera tería que estar pendente do meu fillo as 24 horas do día e así, estou libre ata as seis da tarde».

E iso sen contar os beneficios que ten para o propio fillo e para os seus iguais contar con atención especializada e desenvolver un amplo abano de actividades lúdicas e formativas. O gran atranco neste esforzo diario segue a ser, segundo explica Hermida, o mesmo que ao principio da travesía: «A falla de recursos económicos. Cada vez temos menos axudas, o que nos obriga a recorrer a outras fontes de ingresos como a venta de calendarios ou a organización de actividades benéficas».

Botando man da imaxinación, a familia de Misela vai pouco a pouco ampliando a gama de produtos que ten no mercado, pezas realizadas artesanalmente polos usuarios do centro ocupacional que van desde chaveiros ata carteiras, pasando por velas ou pequenos botes con sales. «Temos unha demanda interesante para celebracións como vodas, comuñóns ou bautizos», explica a presidenta.

Novo invernadoiro

E, en breve, a entidade abrirá unha nova liña de negocio vinculada coa natureza. Xa está instalada a infraestrutura dun invernadoiro, que dentro de pouco se encherá de vida. «Queremos traballar fundamentalmente no eido dos viveiros, con plantas e árbores de diferentes especies que despois poidamos vender». Máis que como fontes de ingresos, Carmen Hermida valora estas iniciativas desde o punto de vista ocupacional: «Hai que estar sempre buscando alternativas para que os nosos usuarios se sintan útiles».

Sinala tamén que, con este tipo de iniciativas, conséguese dar a coñecer a asociación e as actividades que desenvolven os seus membros. Consciente de que houbo grandes avances neste eido, a presidenta de Misela pensa que aínda queda un longo camiño por percorrer: «Xa estivemos máis abandonados do que estamos por parte das Administracións e da sociedade en xeral. Antes os rapaces con discapacidade estaban encerrados, agora son visibles».

Recoñece, iso si, que seguen a existir carencias que a Xunta pode solucionar. A prioritaria ten que ver coas prazas que se ofertan, que actualmente son sete no centro ocupacional: «Necesitaríamos, polo menos, outras tantas, pois o resto dos usuarios teñen que abonar unha cota». Para moitos, como o foi para ela, a entidade constitúe unha auténtica táboa de salvación.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

María de Carmen Hermida: «Antes os rapaces con discapacidade estaban encerrados, agora son visibles»