Noticias falsas

María Xosé Blanco Giráldez
María Xosé Blanco CARA E CRUZ

BARBANZA

05 feb 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

liberdade de informar e opinar que nos concederon as redes sociais trouxo parello ese fenómeno por todos coñecido como fake news, bulos ou noticias falsas que se difunden rapidamente porque, na maioría dos casos, parten dunha realidade, fundamentalmente desas que tocan a fibra sensible, para distorsionala e ofrecer unha versión que ten pouco de veraz, pero moito de sorprendente. Vénseme á cabeza, pola súa proximidade no tempo, a vinculada ao pequeno que caeu a un pozo en Málaga, aquela que incriminaba aos pais no ocorrido partindo da base de que aquel furado era para esconder droga. Máis que preguntarse que persegue aquel que pon en marcha este maléfico experimento sociolóxico, quero reflexionar sobre os motivos que levan á xente a confiar case a cegas nestes bulos, aínda sabendo que proceden dunha fonte pouco fiable, da que nada se sabe. E atopo a resposta na necesidade cada vez maior que existe por comprobar unha e outra vez como a realidade supera á ficción.

Non chega xa con coñecer ata os detalles máis escabrosos que rodean a un tráxico accidente, senón que se dá por feito que ten que haber algo máis. Motivos para a desconfianza claro que non faltan, xa que neste mundo tolo o certo é que, unha e outra vez, a realidade supera á ficción. Vémolo con demasiada frecuencia: foron os pais os que asasinaron á nena Asunta e foi un rianxeiro, un veciño de todos nós, o que mantivo en vilo a toda España despois dun crime, o de Diana Quer, difícil de esquecer. Isto por mencionar dous exemplos próximos.

As ansias de sensacionalismo non se poden frear e hai quen aproveita a ocasión.