Miguel de Lira é un dos galardoados cos Premios Bos e Xenerosos deste ano

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O acto de entrega será o vindeiro 12 de maio

02 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi xa aló polo ano 2009 cando a Fundación Eduardo Pondal, con sede en O Couto (Ponteceso), comezou a entregar uns recoñecementos que deron en chamar os Premios Bos e Xenerosos. Son un tributo á traxectoria propia de quen os recibe, pero tamén ao espallamento da cultura galega dende os eidos nos que traballa cada un. Aqueles afortunados iniciais foron Isaac Díaz Pardo, Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas. Dende entón, unha trintena moi longa de persoas sumáronse a eles e foron pasando polo Couto para ser recoñecidos pola entidade Eduardo Pondal. Pois ben, o padroado da fundación xa ten decididos os nomes deste 2019, e entre eles figura o carnotán Miguel de Lira.

O actor, esencia viva do teatro e da televisión desta terra, compartirá premio coa escritora Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; con Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe; e con Carlos Blanco, actor e autor teatral, monologuista e rostro imprescindible do audiovisual galego. Os catro están convidados, pois, a tomar parte no acto de recoñecemento previsto para as 12.00 horas do día 12 de maio, que será cando comece tamén a 37.ª edición das Festiletras.