Rodrigo Romaní: «As nosas limitacións son máis de infraestruturas que de potencial musical»

SondeSeu presentará en Vigo o disco «Beiralúa», o quinto dende que naceu no 2001


Vigo / la voz

A orquestra folk SondeSeu ofrecerá un concerto o vindeiro sábado no auditorio Mar de Vigo, dedicado á promoción das illas Cíes como patrimonio da humanidade e organizado polo Concello vigués. Nel, a banda presentará o seu último traballo, o quinto xa da súa traxectoria, Beiralúa, que saíu á rúa o pasado mes de maio. O noiés Rodrigo Romaní é un dos fundadores e directores desta formación xurdida na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional. Hai uns días, a orquestra estivo en Escocia, amosando este novo traballo.

-¿Como lles foi en Glasgow?

-Moi ben, o público gozou moitísimo e o concerto fíxoselles curto. Puideron ver o traballo que estamos a facer en Galicia, e tamén lles transmitimos a mensaxe da candidatura das Cíes a patrimonio da humanidade. A actuación foi moi ben porque non é moi habitual nos escenarios de Europa ver este tipo de formacións.

-¿Que supón Beiralúa?

-Este disco ten una visión integradora sobre a liña que viña ofrecendo SondeSeu, que é fundamentalmente a música tradicional e o canto de tradición oral tratados dende un punto de vista contemporáneo e en forma orquestral.

-¿Hai colaboracións externas?

-Si, ata o de agora ese traballo fixémolo dende a orquestra cos propios mestres, pero en Beiralúa encargamos composicións a outros excelentes músicos, como Xosé Luís Romero, Pedro Lamas ou Quico Comesaña. Ao mesmo tempo, está a presenza de invitados que interpretan cancións que se ben non pertencen ao patrimonio de transmisión oral, si se instalaron pola súa popularidade no imaxinario colectivo. Son os casos de Ai vén o maio, de Luis Emilio Batallán, que está interpretado por Rosa Cedrón; ou Campanas de Bastabales, de Amancio Prada, con Toño Domínguez. Fixemos unha especie de reelaboración desde o noso punto de vista. Tamén se inclúe San Martiño Suite, de Anxo Pintos.

-¿Estes compositores afrontaron o traballo con algunha directriz?

-Non, simplemente os convidamos a colaborar con nós e foron moi xenerosos. Si é certo que eles coñecen a orquestra e lles fixo ilusión traballar para este instrumento múltiple.

-¿É complicado facer contemporánea a música tradicional?

-A min resúltame difícil, o que pasa é que o azar ás veces confabúlase para que as cousas saian adiante. É difícil atopar o estilo, o timbre e a fórmula, e non pasarte nin quedar curto. Unha vez que atopas o punto exacto pode resultar un pouquiño máis doado; é como tocar un instrumento que ten moitos rexistros, ao principio resulta moi complicado, pero cando vas entendendo de que vai é máis sinxelo. Tamén é complicado non repetirse e tratar de facer cousas diferentes.

-Coa perspectiva que permiten os anos transcorridos dende a creación da orquestra, ¿considera que se están cumprindo os obxectivos fundacionais?

-Si, aínda que os nosos obxectivos nunca foron inalcanzables porque, realmente, durante o proceso de creación nunca nos marcamos unha meta, era máis ben como ese dito do fútbol, ir partido a partido e día a día. É moi complicado subsistir para unha formación como a nosa; neste caso é posible porque hai un apoio detrás do Concello de Vigo e a Escola Municipal de Música Tradicional. SondeSeu é a culminación desa escola. Os obxectivos seguen a ser os mesmos, é dicir, perdurar máis alá das persoas que a formamos agora. É importante que siga como un proxecto común e ilusionante.

-¿Hai moita rotación entre os músicos?

-Empezamos sendo vinte e pico músicos e agora somos 60, pero a infraestrutura que temos en Galicia tampouco permite que poidamos ir en pleno, así que limitámonos a 50. Tampouco hai moitos escenarios en Galicia onde poidamos desenvolvernos comodamente. As nosas limitacións son máis de infraestruturas que de potencial musical.

-¿Conseguíronse os obxectivos da Rede Europea de Orquestras Folk?

-Algúns si, como a creación de orquestras parecidas en Finlandia e Escocia. O problema foi que á hora de movelas entre os distintos países europeos precisábase un orzamento que non foi máis alá do que puxo aquí o Concello de Vigo. Dende entón, a Axencia Europea cambiou un pouco a estratexia e non facilitou que sobrevivira esa rede.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Rodrigo Romaní: «As nosas limitacións son máis de infraestruturas que de potencial musical»