A canteira de saxofonistas está en Ribeira

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Alumnos de toda a comunidade fórmanse da man de músicos de alto nivel

28 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A proliferación de escolas e conservatorios propiciou que nenos e maiores de Barbanza teñan ao seu alcance centros nos que desenvolver a súa afección pola música. En moitos casos, o contacto co solfexo ou cun instrumento concreto quédase niso, nunha opción máis para gozar do tempo libre. Pero hai quen, chegado o momento, ten claro que quere un futuro profesional ligado ás melodías. A eles, polo menos aos que se decantan por un dos instrumentos de vento por excelencia, vai dirixida a Aula Galega de Saxofón que funciona en Ribeira. Trátase dun centro único na comunidade, no que conflúen polo tanto músicos chegados desde diferentes lugares.

José Fungueiriño, o secretario do conservatorio, foi o impulsor desta iniciativa, cuxas orixes se remonta a hai unha década. El compaxinaba as clases en Ribeira con outras en Vila de Cruces, onde promovera no 2005 o Encontro Galego de Saxofón: «Naceu coma un curso de verán, co obxectivo de que os alumnos tiveran a mellor formación posible, coñecendo a xente de diferentes escolas e de tendencias variadas».

No marco dese foro, que co paso do tempo acabou trasladándose a Santiago, empezou a xermolar o obradoiro ribeirense: «Coincidín con Rodrigo Vila, que ía como convidado, e empezamos a falar da necesidade de promover unha iniciativa que tivera continuidade no tempo». E foi así como iniciou a súa andaina a Aula Galega de Saxofón, que arrancou coma un curso puntual impartido polo propio Rodrigo Vila, mestre titular do Conservatorio Superior de Música das Illas Baleares, quen despois pasou a achegarse tres veces por exercicio á cidade barbancesa para rematar impartido un seminario mensual desde hai 11 anos.

Agora, a Aula Galega de Saxofón ten actividade un fin de semana ao mes, entre outubro e xuño, e recibe de xeito periódico a reputados músicos a nivel internacional. En decembro achegouse, desde París, Nicolas Prost; hai só uns días fixo o propio Hilomi Sakaguchi, docente no conservatorio Jacques Thibaud de Burdeos; e en xuño está prevista a visita do italiano David Bruti. «Do que se trata é de que os alumnos coñezan estilos diferentes e as correntes de outros países», explicou Fungueiriño.

Iniciativa única

Non dubidou en destacar a importancia deste seminario: «Nin en Galicia nin en España hai nada similar dedicado ao saxo. É certo que se levan a cabo iniciativas puntuais, pero que teñan o nivel da de Ribeira e sexan tan prolongadas no tempo non hai ningunha». Ten claro que contribúe, polo tanto, a incrementar o prestixio do conservatorio municipal. De feito, dos 17 alumnos que ten actualmente a Aula Galega de Saxofón -están ocupadas tódalas horas de clase que se ofertan e mesmo hai lista de espera- media ducia son de Barbanza, pero o resto proceden, fundamentalmente, de Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense.

Aínda que de momento é unha canteira, pois boa parte dos alumnos que pasaron por ela roldan agora os 20 anos de idade, polo que están en pleno proceso formativo, José Fungueiriño está convencido de que desta escola sairán músicos de renome. Xa hai varios que empezan a soar con forza no panorama musical: Roi Barros e Pablo Vigo forman parte de Thesis Quartet; Rocío Hermida e Álvaro Iglesias están na Banda Municipal de Santiago e Tomás Alonso fixo un máster en Helsinki e actualmente exerce de profesor asistente no conservatorio das Illas Baleares.

O éxito da Aula Galega de Saxofón enmárcase no auxe que está a experimentar o propio conservatorio ribeirense: «Houbo case trinta matrículas en primeiro curso de grao elemental, non lembro un curso cunha afluencia de nenos tan elevada», apunta José Fungueiriño antes de facer mención aos beneficios da música: «O conservatorio require esforzo, pero a música axuda indirectamente en moitas facetas da vida».