Ana Cabaleiro reivindicou a importancia do rural na presentación de «As Ramonas»

A escritora foi a protagonista do acto organizado pola asociación cultural Barbantia en Rianxo


ribeira / la voz

Castelao, Barbantia, Rianxo conforman un triunvirato na cultura barbancesa que van da man cada principio de ano, co galeguista como motivo central. Por este motivo, a asociación cultural desenvolve na vila que veu nacer ao autor de Sempre en Galiza o primeiro acto de cada exercicio, e o do venres centrouse na escritora Ana Cabaleiro e o seu libro As Ramonas, premio García Barros do 2018. E para falar tanto dela coma da súa obra, artellouse un escenario no que predominaba a representación feminina.

Para abrir e pechar, Olalla Rodríguez ao violoncello; durante a presentación, Electra Menéndez encargábase da intervención plástica arredor de Castelao e a canción de A rianxeira, en figuras de cartón pedra que semellaban entoar a popular cantata. Na mesa de debate sentáronse María Xesús Blanco, Pepa Martínez, Marina Losada e Uxía Otero, en representación de Barbantia; Malores Villanueva, pola editorial Galaxia; o alcalde da vila, Adolfo Muíños; e a autora da obra.

Villanueva empezou expresando a súa satisfacción por estar noutro acto cultural barbancés, nos que se prodiga moito ultimamente. Falou do libro, destacando que se centra no rural, e subliñou a importancia de gañar o García Barros, premio que en trinta anos só o lograron tres mulleres. Engadiu que «estamos ante unha obra moi singular que nos leva polas estradas galegas». Da autora sinalou que se ve que está cómoda no relato.

Importancia do rural

Pola súa banda, Ana Cabaleiro explicou que o coche non é o tema central, pero que si ten un papel destacado o que relacionou coa importancia que ten no rural, pola dependencia que se ten del «non podemos ter vida normal se non temos coche». Engadiu que o do auto empezou case como un xogo á hora de elaborar a novela, ata que cobrou sentido.

Por outra banda, detallou que o libro As Ramonas corresponde a un proxecto de dous anos, que ao principio non se ía titular así, pero que finalmente optou por el ao tratarse dun nome común de cinco mulleres que aparecen nas páxinas da obra, a pesares de que non se trata dun libro sobre a muller, senón dos roles da sociedade actual.

Reivindicou o rural, lembrando que antigamente se consideraba que quen non podía saír del para estudar ou traballar, se consideraba un pouco fracasado, cando na actualidade cambiou por completo ese concepto, como o demostra que no mundo rural están a desenvolverse interesantes iniciativas que dan valor a ese eido: «Hoxe en día todo te pode devolver ao rural, recuperouse o orgullo do rural, onde hai bos produtos e boas casas que espertan o interese de propios e alleos».

A autora tocou a relación da obra coa arte contemporánea, porque a protagonista viaxa co obxectivo de convertese en fotógrafa, motivo polo que lle preguntaron si se debía a que lle gustaba a fotografía, ao que contestou que si, pero que non a practicaba, porén recoñeceu que estas alusións si que teñen que ver pola súa admiración pola arte e a súa condición de xornalista.

Relación co tren

No debate tamén saíu a colación o papel do tren na obra, e a autora si que confesou unha relación familiar con este medio de transporte, porque tivo parentes que traballaron na construción de camiños de ferro, aos que consultou para elaborar o libro.

Foi o do venres outro encontro coa cultura, da man de Barbantia e Rianxo, que tivo, ademais, outras dúas paradas: unha charla sobre Plácido Castro e Galeuzka, e a apertura da exposición Castealo e os cruceiros. Autobiografía e experiencia vital, que presentou Florencio Maíllo, autor dunha colección de serigrafías que se poden ver no auditorio de Rianxo, sobre o galeguista e os seus traballos sobre as cruces de pedra en Galicia e a Bretaña francesa, e que forman parte dos fondos do Museo do Gravado de Artes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Ana Cabaleiro reivindicou a importancia do rural na presentación de «As Ramonas»