Teresa Villaverde: «O obxectivo é o ano Xacobeo e non podemos deternos para conseguilo»

a. parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A coordinadora da unión dos nove municipios analizou os vindeiros pasos a dar para lograr que se recoñeza a ruta

27 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ademais das distintas competencias e cuestións que ocupan á alcaldesa de Lousame, de forma paralela, Teresa Villaverde Pais traballa para sacar adiante un proxecto turístico, cultural e económico que pode acabar transformando o futuro de nove municipios -Noia, Muros, Lousame, Outes, Porto do Son, Ames, Brión, Rois e Compostela-; os mesmos que conforman a agrupación de concellos pola oficialización do Camiño a Santiago pola ría de Muros-Noia. E esta semana dábanse dous pasos vitais neste longo proceso, coa licitación da redacción do trazado e o encontro de Villaverde co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, para analizar o estudo histórico entregado a Patrimonio.

-¿O conselleiro veu con bos ollos o estudo de documentación histórica elaborado?

-O certo é que xa o enviaramos previamente á Dirección Xeral de Patrimonio e o conselleiro xa o tiña analizado. O proxecto contou cunha boa recepción e disposición. Ademais, estanse a poñer os medios para colaborar na revisión e supervisión de todos os traballos que se realizan.

-Este pode ser un proceso longo con tantas partes implicadas, mais levan un ritmo abraiante, ¿cal é o seguinte paso?

-A comunicación é un pouco laboriosa, os comezos foron difíciles e ata íamos un pouco incrédulos cando se firmou o primeiro convenio no 2016. Mais polo de agora penso que levamos feito todo ben, fomos seguindo cada paso que nos marcou Patrimonio. O seguinte será a redacción do trazado, así como a súa posterior entrega, fase de exposición pública, alegacións... É un traballo minucioso, no que os técnicos teñen que empregarse a fondo.

-¿Marcáronse algunha data?

- O obxectivo é o ano Xacobeo [2021] e non podemos deternos para conseguilo. Cando me reunín co conselleiro trasladeille que todos fixamos a meta aí. A redacción do trazado, o traballo de campo, levará máis tempo. É complicado establecer unha data de entrega porque hai que analizar plano a plano, pero tentamos telo listo para antes de maio.

-Lograron certa blindaxe coa licitación ante os comicios municipais de maio, algo clave.

-Non queríamos depender de factores externos, o interese global debe reinar sobre o individual. Estamos convencidos de que a xente quere que saia adiante e cremos que ninguén botaría por terra ou desaproveitaría o traballo realizado.

-¿Cal é a importancia e peso do estudo histórico realizado?

-Todo o traballo realizado previamente dende décadas en cada municipio -xornadas, exposicións, estudos...- era necesario recompilalo e amplialo a través dunha empresa especializada [RVR Arquitectos]. Do estudo histórico despréndense belas anécdotas como a do comerciante Pietro Querini. Nunha viaxe que fixo a Noruega para exportar bacallau, este veneciano tivo que refuxiarse na ría de Muros-Noia e dende alí peregrinou a Santiago no 1431. Precisamente, a Unión Europea está impulsando a ruta gastronómica queriniana, que xa está contemplada como un itinerario cultural.

Teresa Villaverde tamén analizou a pegada económica que suporía unha hipotética oficialización do Camiño a Santiago pola ría de Muros-Noia, así como os necesarios mecanismos de investimento para dotala dunha oferta hostaleira e de servizos da mesma magnitude.

-¿Como cre que afectaría ás economías locais que se enchera de peregrinos esta ruta?

-O retorno económico deste proxecto está moi claro. Só temos que pensar nesas escenas de rúas inundadas de xente, chegando constantemente polo Camiño. É unha inversión importante e necesaria, por iso hai que crer que é unha oportunidade para que desenvolver establecementos ou servizos ao seu paso. Por outra banda, xa hai xente que está facendo este camiño sen que estea recoñecido, só porque espertou curiosidade e se está a falar del.

-De oficializarse o trazado, ¿tería que producirse tamén un reforzo dos servizos turísticos?

-Supón que chegamos ao momento da declaración, iso xa sería un paso importantísimo, pero a partir de aí habería que facer un esforzo enorme para acondicionar a ruta. Habería que buscar novas vías de investimento e liñas de axuda, pero tamén contar coa iniciativa privada que estará interesada en investir nun fluxo constante e diario de xente que utilizan os albergues, compran, comen e dan vida á zona. Temos moi preto o efecto Santiago para comprendelo.

-Por outra banda, o potencial para combinar este percorrido con outras propostas turísticas da zona asemella importante.

-Por suposto, temos o exemplo da xente que se achega a Fisterra dende Santiago. Terían a posibilidade de facer despois a ruta de Muros-Noia, e incluso coñecer a zona uns días, para logo regresar de volta á capital.

-¿A agrupación de municipios que coordina adoptará outra forma como en casos semellantes?

-Ese é o vindeiro paso que abordaremos en febreiro na reunión mensual. Cada un dos nove Concellos está a realizar cos seus técnicos o traballo de revisión do borrador dos estatutos, para así conformar a nosa Asociación de Concellos do Camiño da ría de Muros-Noia.