Cuarzos do Camiño

FERNANDO LOSADA RODRÍGUEZ

BARBANZA

CEDIDA

Podemos encontrar este material en todo tipo de rocha ou sedimento

26 ene 2019 . Actualizado a las 12:40 h.

Na imaxe vemos varios tipos de cuarzo. Os tres exemplares vermellos do centro son da variedade Xacinto de Compostela. O certo é que non leva ese nome por atoparse nos arredores da capital galega, senón porque di a tradición que os peregrinos recollíanos mentres facían o Camiño coa intención de vendelos ao chegaren a Compostela; aínda hoxe pode atoparse algún (se cadra, agora quedan menos), pero o xacemento máis importante no Camiño está no departamento francés das Landas. Mesmo é máis doado atopalos localizados na Mancha, na comunidade Valenciana ou na provincia de Teruel.

Estas estruturas naturais son belos cristais de cuarzo mesturado con hematita (un mineral con ferro oxidado) que lle dan unha cor vermella opaca; aparece en forma de prismas hexagonais vermellos, rematados en punta polas dúas bases. Pero un mesmo mineral pode ter varias cores, e o propio cuarzo é un claro exemplo: cristal de rocha (transparente), leitoso (branco opaco), ametista (violeta), citrino (amarelo), afumado (escuro), prasio (verde) ou rosado, entre outros. Cada unha das variedades (agás o primeiro) ten algunha impureza (ou imperfeccións na súa formación) que o fai único. A miña favorita é o cristal pantasma: un cristal de rocha que, no seu crecemento, deixou engaioladas burbullas ou impurezas que podemos ver no interior.

Podemos atopar cuarzo en todo tipo de rocha ou sedimento (nas areas de praia, por exemplo) pero fórmase no magma, en materiais fundidos que se mesturan no interior da Terra. Estes magmas conteñen moitos materiais que, cando arrefrían, solidifican e forman diferentes minerais; o derradeiro que queda é dióxido de silicio (xeralmente con certas impurezas) que, cando se fai sólido, forma o cuarzo.

Nas rochas metafórmicas

Tamén atopamos este mineral nas rochas metamórficas, orixinadas cando rochas de calquera tipo son sometidas a moita presión ou temperatura (sen chegar a fundirse). Imaxinemos o proceso: un granito sofre unha intensa erosión, e os seus minerais (cuarzo, feldespato e mica) rompen en diminutos grans que se depositan como arxila; esta, pola presión, forma unha rocha sedimentaria (lutita) que, debido á cada vez maior profundidade, vaise convertendo en lousa, despois en filita, logo en xisto e finalmente en gneis; estas catro son rochas metamórficas moi abundantes na nosa terra, e en todas elas atopamos cristais de cuarzo (cuxo tamaño é maior conforme aumentamos o grao de metamorfismo).

Pero, como é posible que atopemos na superficie rochas metamórficas, e, por tanto, os minerais que as compoñen? O habitual é que se formen a quilómetros de profundidade (hai excepcións coma os cráteres de impacto dos meteoritos, pero non son obxecto deste artigo); e no caso do granito, xamais se forma na superficie. Pero sucede que as rochas que hai enriba son as que están expostas á erosión do vento, auga e seres vivos que, pouco a pouco, van retirando o material. Ao mesmo tempo, aos materiais que quedan pásalles o mesmo que a unha pequena balsa cando lle quitas peso: ascende. E por iso, podemos atopar este tipo de rochas na superficie, formando a maior parte da paisaxe galega.

Os tres exemplares do medio corresponden ao tipo de cuarzo Xacinto de Compostela