Vicente Regenjo Rey: A xenética de Cartagena

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

«Espero que herdemos algo da túa honradez, o sentido do deber, a capacidade inesgotable de traballo, a humildade, a paciencia, a xenerosidade sen esperar nada a cambio»

19 ene 2019 . Actualizado a las 13:02 h.

Cando alguén morre só adoitan escoitarse boas palabras cara ese veciño, pero hai persoas das que non pode dicirse outra cousa, para as que é imposible atopar malas palabras. Un deses era o meu avó, Vicente Regenjo, o Cartagena (Asados, 1927).

De maiores, a todos nos gustaría ser coma ti. No fondo, penso que algo de ti xa temos, algo da xenética de Cartagena herdamos cada un de nós. Ou iso espero. Espero que entre todos sexamos capaces de reunir algunha das túas calidades. A fortaleza, a nobreza, o saber estar sempre e en todo lugar, a enteireza que mantivestes estoicamente ata nos peores momentos, a dignidade. A dignidade admirable dun home feito a si mesmo desde a nenez, criado sen un pai ao que exiliou a emigración e que soubo labrar un futuro para os seus.

Espero que herdemos algo da túa honradez, o sentido do deber, a capacidade inesgotable de traballo, a humildade, a paciencia, a xenerosidade sen esperar nada a cambio.

Tamén agardo que nos deixaras nos xenes algo da túa risa franca e aberta, do teu xenio, das túas poucas ganas de establecer discusións que rematabas de camiño con catro palabras, do teu carácter sociable a pesar de ser home de poucas palabras. E tamén espero que no reparto xenético nos toque algo do teu físico envexable, esa forza asombrosa nun home de 90 anos, ese metabolismo privilexiado capaz de procesar sen acumular un gramo de graxa media barra de pan rechea de rexóns de touciño pasados pola tixola acompañada dun vaso de viño. Os ollos claros, a mirada limpa, a pel morena.

Algo diso deixastes en todos nós, e podes estar orgulloso. Nós estámolo de poder dicir que levamos a xenética de Cartagena. Procuraremos ser dignos dela, e recordarémoste presidindo a mesa nas comidas familiares rindo a gargalladas, contando historias de antes e anécdotas das viaxes coa avoa, podando a viña que había diante da casa, facendo o viño e ao volante do tractor que os netos che vimos manexar desde que temos uso de razón.

Recordaremos o teu exemplo, para ser mellores persoas.