Nunca é tarde: Unha ducia de amantes das foliadas

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

As boirenses uníronse para aprender a tocar a pandeireta e acabaron creando un grupo

17 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un grupo de mulleres que percorre a comarca de foliada en foliada e mesmo atravesa as fronteiras de Barbanza para participar nos seráns aos que son convidadas. Fanse chamar Nunca é Tarde, quizais porque algunha supera as 80 primaveras, e caracterízanse polo seu animado repertorio, formado na súa meirande parte por cancións populares. Buscan que o público, ademais de gozar das súas actuacións, participe activamente arrancándose a cantar.

Para coñecer as orixes de Nunca é Tarde hai que viaxar no tempo unha ducia de anos. Un par de veciñas de Boiro que tiñan gañas de aprender a tocar a pandeireta contactaron con Ibonia Sieira. Confesa que naquela época ela tamén era unha novata na materia, pois estaba acudindo a clases, pero decidiu embarcarse na aventura de transmitir os seus coñecementos e, de paso, adquirir experiencia. Aquel grupiño foi aumentando e atreveuse a saír do local pechado no que tiñan lugar os ensaios para enfrontarse ao público.

Hoxe, a agrupación está formada por 14 mulleres, de idades comprendidas entre os 32 e os 81 anos. Aínda que nun primeiro momento non era requisito imprescindible ser do sexo feminino para entrar a formar parte do grupo, a situación cambiou co paso do tempo: «O feito de que só nos xuntaramos mulleres foi casual, pero agora decidimos non aceptar a entrada de homes, porque xa é algo que nos caracteriza», explica Ibonia Sieira, a directora.

Como tampouco tiñan grandes aspiracións, as integrantes de Nunca é Tarde dan por cumpridas as súas expectativas, que pasan por acudir a tódalas foliadas ás que son convocadas: «Das que teñen lugar por aquí pola zona non nos negamos a participar en ningunha. Se son lonxe, tampouco, pero si que pedimos que nos habiliten autobús ou nos dean algo para cubrir os gastos».

Repertorio popular

Por alí por onde van, as boirenses deixan pegada co seu repertorio, integrado por cancións populares, coma Moendo, Arrieiros, Os catro vellos ou A foliada mariñeira; e polos instrumentos que empregan para aderezalo. As pandeiretas e o acordeón son os principais, pero os seus sons mestúranse con outros procedentes de cunchas, culleres, morteiros e outros elementos similares.

Aínda que en Barbanza, os asiduos das foliadas están afeitos a atoparse con este animado grupo de mulleres, nalgunha que outra ocasión, a súa presenza segue sorprendendo: «Lembro unha vez que entramos no salón dun restaurante para amenizar unha voda e os asistentes empezaron a mirarse entre si, como preguntándose que era aquilo. Non podía imaxinarse que estabamos alí para actuar».

Nunca é Tarde é un grupo que se brinda a participar en calquera actividade lúdica, pero as súas integrantes confesan que as foliadas son a cita estrela para elas: «É o que máis nos gusta con diferenza, sobre todo porque parte das integrantes viviron esa etapa dos seráns sendo nenas, a través das súas nais, e tiñan cravada a espiña de gozar diso en carne propia», explica Sieira. Engade que reciben outras propostas que tamén son moi especiais: «Supón unha motivación enorme que nos chamen para participar nun festival con fins benéficos ou que nos requiran para actuar en servizos coma un centro de día. Énchenos moito».

Por fortuna, Nunca é Tarde veu a luz nun momento no que o folclore tradicional atravesaba un doce momento que semella seguir vixente na actualidade: «A verdade é que son moitos os locais que nos ofrecen a posibilidade de facer foliadas e cada vez organízanse máis actividades deste tipo en Barbanza». Ibonia Sieira fala do San Ramón de Bealo Pequeno como unha das festas preferidas: «Non hai tanta aglomeración como no día grande do San Ramón, pero créase un ambiente moi bo no lugar».

Máis ala da diversión, estas boirenses teñen poucos retos: «Con actuar de forma periódica xa temos cumprido o noso soño e incluso participamos en algún programa de televisión e gravamos algunha peza, polo que non temos máis aspiracións. A única, vivir o día a día participando no que se nos presente», manifesta Ibonia Sieira.