Divisas

Ramón Ares Noal
Moncho Ares BARLOVENTO

BARBANZA

15 ene 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

Non lembro un mes de xaneiro no que, a estas alturas, aínda non caera nin unha gota de chuvia. E vénme á cabeza unha teoría que contaban os vellos e que, cada principio de ano, miña irmá recordaba supoño que coa intención de aledarse porque, como lle ocorre á maior parte dos rapaces que nos criamos preto do mar, cobizaba un verán soleado para ir á praia.

Dicían os vellos que o tempo reinante nos primeiros días do novo ano servían de referencia para saber como ían ser os 12 meses, de forma que si chovía o día 6, chovería tamén en xuño; se facía sol o 7, pasaría o mesmo en xullo; e así sucesivamente. Esta forma de prognosticar o tempo incluso tiña nome, divisas, polo que un non ten dúbida de que non estamos fronte a un conto, senón ante unha teoría baseada en coincidencias.

Desde que souben desta premonición, non hai principio de ano no que, cando chove, deixe de mirar o almanaque co desexo de que a bategada non se corresponda con ningún dos días 6, 7 ou 8 de xaneiro, e non é porque crea neses vaticinios populares, senón por un «non vaia ser o demo» do que boto man para curarme en saúde e ir descontando días para que chegue o ansiado estío.

Se as divisas se cumpriran, podemos atoparnos cun verán espectacular, deses de sol e praia, pero hai que pensar que cando se instaurou este sistema de previr o tempo, nada se sabía do cambio climático, e do mesmo xeito que erran os telexornais, é lóxico pensar que lle pode pasar o mesmo ás crenzas populares.

Un que se considera galego galego é dos que quere cada cousa no seu tempo, e agora tiña que chover... a cántaros.