Rianxo encherase de cultura por Castelao

Lembrará ao ilustre escritor con charlas, presentacións literarias, teatro e un roteiro pola vila


Xaneiro é sempre, en Rianxo, o mes de Castelao, pois conmemórase o aniversario do seu nacemento, que tivo lugar o día 30, e do seu falecemento, o 7. Para rememorar ao escritor, o Concello levará a cabo nos vindeiros días unha serie de actividades no marco dun programa que xa está en marcha, pois arrancou a finais de decembro coa apertura no auditorio de Castelao e os cruceiros: autobiografía e experiencia vital, unha exposición de gravados de Florencio Maíllo que estará a disposición do público ata o 2 de febreiro.

Pero o groso dos Actos Castelao desenvolverase nos dous vindeiros fins de semana. Antón Costa Rico, profesor e historiador, ofrecerá o venres unha conferencia titulada O mestre en Castelao: Ensino e educación na II República en Galicia. O sábado collerá o relevo a investigadora Aurora Marco, que completará o relatorio anterior con outro sobre as mestras galegas nese mesmo período e a represión que sufriron. Ese mesmo día, a escritora local Noelia Gómez falará do seu libro O xiro, galardoado co Premio López Abente 2018.

O 25 será outro historiador, Xosé Estévez, o que se achegue á vila rianxeira para ofrecer unha charla sobre Plácido Castro. Trátase da conferencia anual que promove a fundación que divulga a vida e obra deste escritor, un dos impulsores do Partido Galeguista. Xusto despois, Florencio Maíllo ofrecerá unha visita guiada pola súa exposición, unha colección que xira ao redor da visión que Castelao lle deu aos cruceiros como vestixios culturais e signos identificadores do carácter dun pobo.

O colofón dese venres será a presentación da novela As Ramonas, que foi merecedora do Premio García Barros o ano pasado. A súa autora, Ana Cabaleiro, manterá unha conversa con Antón Riveiro Coello, escritor e integrante de Barbantia, e con Francisco Castro, da editorial Galaxia. A presentación correrá a cargo do rexedor local, Adolfo Muíños, e a cita completarase cunha intervención plástica que realizará Electra Menéndez e a actuación musical de Olalla Rodríguez, violonchelista pertencente á Escola de Música de Rianxo.

Triplo colofón

Os Actos Castelao chegarán ao seu fin o día 26, cunha xornada que se presenta intensa, pois incluirá tres propostas interesantes. A primeira, un roteiro que descorrerá por aqueles lugares da localidade vinculados á vida do autor de Sempre en Galiza e á propia historia de Rianxo. As persoas que desexen sumarse ao percorrido teñen que estar diante da casa consistorial ás 11.00 horas.

A segunda, ás 12.00, será a tradicional homenaxe, con ofrenda floral e intervencións das autoridades incluídas, que sempre se leva a cabo por estas datas no paseo da Ribeira, diante do busto do escritor.

E a actividade que poñerá o colofón ao programa chegará da man do Grupo de Teatro Municipal de Ribeira. A formación que dirixe Óscar Romero representará a obra coa que regresaba aos escenarios, despois dun parón, o pasado mes de setembro: Cousas de Castelao.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Rianxo encherase de cultura por Castelao